CIG-Saúde advirte da marcha da única neuróloga do Hospital de Monforte
A CIG-Saúde de Monforte denuncia que o Hospital comarcal queda sen especialista en neuroloxía " unha vez máis, a causa da nefasta xestión desta dirección". Sinalan que dende hai máis de dous anos estase reclamando a contratación doutra/o especialista para pode afrontar a carga asistencial, sen que até o momento se producira este reforzo e sen que sequera se lle ofrecera estabilidade á profesional que agora marcha, "que tiña un contrato renovábel cada seis meses".
Para a CIG-Saúde esta precariedade revela que non hai ningún interese por parte da Xunta para estabilizar as prazas nin os cadros de persoal dos hospitais comarcais, afondando así no seu desmantelamento e na perda de servizos sanitarios, e obrigando as e os pacientes a ter que desprazarse aos hospitais de referencia.
Unha profesional para atender a 50.000 pacientes
Vicente Vázquez , responsábel local de CIG-Saúde, explica que a actual neuróloga remata case todos os días as súa consulta ás cinco da tarde "cando o seu horario de saída é ás 15h". Comparativamente con outras áreas da provincia, en Monforte hai 1 profesional para atender a 50.000 pacientes, mentres que na área da Mariña contan con 2 neurólogos/as para 66.000 pacientes e en Lugo hai 10 especialistas para atender 210.000 doentes. "É dicir, a área de Monforte é a que máis pacientes atende por profesional".
Xunto a isto, Vázquez lembra que Monforte é a área mais envellecida de Galiza, "o cal se traduce en que hai máis ICTUS, demencias,etc.".
A isto súmase que no Hospital de Monforte a carga de traballo aumenta, "xa que somos o único hospital que ademais da consulta diaria, ten que atender ingresos na planta. Nos outros comarcais onde so hai un neurólogo/a non se atenden os ingresos. E ainda por riba hai que atender interconsultas e urxencias", apunta.
Mentres a EOXI desatende a petición de reforza o Hospital de Monforte, en Lugo "nestes dou últimos anos contratáronse 3 neurólogos/as, o último hai escasos días; esta é unha clara aposta por reforzar os hospitais de referencia e deixar baleiros os comarcais".
Contratación de especialistas
A este respecto, denuncia que Monforte continúa "cun cardiólogo menos, cun dixestivo menos, e agora quedámosnos sen a neuróloga". Especialistas necesarios como demostra o feito de que nestes momentos no hospital haxa un internista pasando consulta en cardioloxía e outro en neuroloxía. "Esiximos do SERGAS que contrate especialistas e deixe de cubrir todas as especialidades con internistas", demanda Vázquez.
"Esta dirección é un desastre, deixan marchar a unha das mellores profesionais que temos e logo diranos que non atopan neurólogos/as. Deixan marchar as profesionais porque non lles interesa ter especialidades nos comarcais. En breve teremos que ir a Lugo á consulta".