CIG-SAÚDE acusa ao Sergas de ocultar a información real na negociación dos ratios de persoal

O SERGAS négase a facilitar a información necesaria para coñecer o impacto real da súa proposta, pese ás reiteradas reclamacións da CIG-Saúde
Nacional - 29 Set 2026

CIG-Saúde denuncia que o SERGAS, na negociación que se está levando a cabo na Mesa Sectorial sobre a “Planificación Asistencial de Recursos Humanos en Atención Primaria”, pretende negociar as ratios de persoal sen poñer os datos enriba da mesa.

Na reunión celebrada onte, o SERGAS volveu presentar criterios para a planificación sen concretar canto persoal se incrementará nas diferentes categorías, como se distribuirá entre as áreas sanitarias nin como se aplicará ese incremento durante o período 2027-2030.

Segundo explica Ana Lestón, secretaria nacional da CIG-Saúde, “deixamos claro que non se poden negociar ratios sen números, distribución e planificación”. Neste sentido denuncia que a Administración establece criterios e condicións para crear prazas, pero “non cuantifica o resultado da súa propia proposta”.

Sen información

Lestón lembra que a central sindical leva tempo reclamando esta información de maneira reiterada. Porén “o SERGAS segue sen entregala”.

Denuncia, ademais, que os criterios empregados pola Administración céntranse tan só  na carga de traballo que soportan os e as profesionais. CIG Saúde exixe, porén, “que se analicen tamén outros factores obxectivos, xa que a planificación dos cadros de persoal debe basearse en criterios obxectivos e facilmente medibles, como a poboación, o número de equipos de profesionais e factores relacionados coa cronicidade, o envellecemento, a dispersión e outras características demográficas”.

Para CIG-Saúde, esta forma de actuar baleira de contido a negociación na Mesa Sectorial. Sen coñecer o resultado concreto da aplicación das ratios, non existe unha base real sobre a que negociar.

Por iso exixe ao SERGAS que entregue a información completa e cuantificada da proposta. “Se hai unha proposta de ratios, ten que haber números, distribución e planificación. Do contrario, o SERGAS está pedindo un acto de fe. Que poña os datos enriba da mesa”, conclúe.