CIG-Saúde aborda coa EOXI a problemática de Fisioterapia, Logopedia e Terapia Ocupacional na Mariña
Este martes tivo lugar unha xuntanza no HULA na que participaron representantes da CIG Saúde e o Xerente da EOXI, Ramón Ares, para poñer riba da mesa a crítica situación da Fisioterapia, Logopedia e Terapia Ocupacional nos distritos sanitarios da Mariña, Lugo e Monforte, cun déficit estrutural que se veu agravado ao rachar o concerto asinado entre a EOXI coa empresa Fisioterapia Lugo S.L.
"A xuntanza durou preto de dúas horas nun clima de escoita activa por parte da Administración sanitaria ante as demandas da CIG", indican dende a CIG-Saúde da Mariña, quen expuxo as medidas que considera indispensábeis para a mellora da Rehabilitación e Fisioterapia na comarca e que debe contemplar os seguintes puntos:
1-. Dotar o Hospital da Mariña de 2 médicos/as rehabilitadores (1 na actualidade) para atender a máis de 70.000 habitantes.
2-. Dotar o Hospital da Mariña de 3 diplomados/as en Fisioterapia en quenda de mañá e tarde, algo que é unha realidade grazas ao traballo da CIG dende o 25 de febreiro. "Hoxe demandamos a estabilización e mantemento no tempo destes 2 novos postos, obtendo o compromiso do Xerente Provincial de consolidar esas prazas", sinalan.
3-. Dotar de persoal diplomado en Fisioterapia os ximnasios dos Centros de Saúde de Viveiro e Ribadeo para que abran tamén en quenda de tarde e non só de mañá.
4-. Dotar con 2 fisioterapeutas en quenda de mañá e outras 2 en quenda de tarde o ximnasio do Centro de Saúde de Foz e habilitar o de Mondoñedo tanto na mañá como na tarde, actualmente pechado e sen material, sendo os/as pacientes de Mondoñedo e Lourenzá derivados a Foz en quenda de tarde.
Deste xeito o Centro de Saúde de Foz quedaría con 2 fisioterapeutas de mañá e de tarde para atender os pacientes de Foz, e Mondoñedo quedaría cun fisioterapeuta de mañá e outro de tarde para atender as e os pacientes de Mondoñedo e Lourenzá.
5-. Crear o servizo de Fisioterapia no Centro de Saúde de Burela, inexistente a día de hoxe. Esta carencia coloca nunha situación de desigualdade as/os pacientes de Burela respecto doutros Concellos, xa que as e os médicos de familia de Burela non poden prescribir rehabilitación nos casos que establecen os protocolos SERGAS, coma nos outros Centros de Saúde. Este feito provoca a saturación do servizo de rehabilitación do Hospital da Mariña ao ser o centro de referencia para as veciñas e veciños de Burela.
"Os directivos da EOXI tomaron nota e comprometéronse a estudar a necesidade de contratar máis diplomados en fisioterapia na Atención Primaria", sinalan dende CIG-Saúde da Mariña.
Reivindicación da Fisioterapia respiratoria
A fisioterapia respiratoria é unha rama da Fisioterapia que trata os síntomas das enfermidades respiratorias, tan comúns entre os nenos pequenos”, explican dende CIG Saúde A Mariña. Unha prestación sanitaria que a central nacionalista demandou ante os responsábeis da EOXI xa que non é ofertada na comarca, obrigando as crianzas e familias a derivarse a Lugo, "o que supón un gasto sanitario a maiores que teremos que asumir dos nosos petos polo simple feito de elixir vivir na Mariña", afirman.
“Estes desprazamentos innecesarios a Lugo non deixan de ser unha decisión política, xa que os/as profesionais de Fisioterapia do Hospital da Costa demandaron no seu día á Xerenta Carmen Durán Parrondo e á actual equipa directiva dirixida por María José Cortés asumir ditos tratamentos na comarca previa formación, algo ao que se negaron de xeito reiterado dende a Xerencia Executiva do centro hospitalario”, critican.
O representante da CIG Saúde A Mariña fíxolle saber ao Ramón Ares que "formar ás nosas profesionais non é un gasto, é unha inversión para mellorar a atención sanitaria na Mariña".
Tratamentos de Logopedia suspendidos
CIG-Saúde A Mariña puxo en coñecemento dos dirixentes da EOXI as denuncias de nais e pais de que as súas fillas e fillos viron suspendido o tratamento con sesións pendentes e a día de hoxe non foron chamadas, sendo chamadas só persoas para iniciar tratamento. Por parte da administración sanitaria comprometéronse a traballar conxuntamente coa Subdirección Médica do Hospital da Mariña para detectar os casos mencionados e garantirlles a continuidade da asistencia sanitaria.
"Na Mariña, explican, xa sufrimos as consecuencias de deixar en mans privadas prestacións sanitarias básicas, mais o SERGAS teima en cometer o mesmo erro en vez de apostar por unha logopedia cen por cen pública. Se outros hospitais públicos dispoñen de logopedia na súa carteira de servizos e prestacións cal é o motivo para discriminar aos mariñaos e mariñás? Somos cidadáns de segunda? Son estes os máis e mellores servizos prometidos coa ampliación do noso hospital?”, pregúntanse dende a CIG.
Terapia Ocupacional
CIG Saúde A Mariña reivindicou ante os responsábeis da EOXI que os mariñaos e as mariñas teñen os mesmos dereitos sanitarios que os de Lugo, que pediron un reparto xusto e equitativo dos recursos económicos, humanos e materiais que contemple a prestación de terapia ocupacional do mesmo xeito que no HULA.
CIG-Saúde entende que esta ten que ser a primeira de varias xuntanzas cos máximos responsábeis da sanidade, para vixiar, valorar e avaliar a situación da atención de fisioterapia, rehabilitación, logopedia e terapia ocupacional na comarca. "Agardamos que a Xerencia da EOXI actúe de boa fe, de xeito transparente e tome as medidas necesarias para resolver a situación actual, nós estaremos vixiantes para que así sexa",conclúen.