A CIG rexeita o preacordo do convenio ARTE porque precariza salarios e dereitos e afasta a negociación dos centros de traballo

A central nacionalista seguirá loitando para que se garanta a prioridade aplicativa dos convenios provinciais do comercio
Nacional - 24 Mar 2026

A CIG amosa o total rexeitamento ao preacordo asinado entre a patronal ARTE e os sindicatos CCOO e FETICO, no marco da negociación do primeiro convenio estatal para as grandes cadeas de téxtil e calzado, xa que supón un importante retroceso nos dereitos laborais e salariais das traballadoras e traballadores do sector. Pero ademais, afonda na centralización da negociación colectiva, afastándoa dos centros de traballo e laminando a capacidade do persoal de incidir e decidir sobre o que se está a negociar.

O documento asinado no día de onte, luns 23 de marzo, recolle as principais exixencias das grandes multinacionais que conforman ARTE (Inditex, Mango, Primark, Grupo Tendam, Kiabi, Uniqlo, etc.) en materias como salarios, xornada e contratación, deixando aquelas cuestións sobre as que aínda non existe acordo para futuras negociacións.

A CIG-Servizos alerta que, con respecto aos actuais convenios provinciais, as condicións recollidas neste preacordo suporían unha rebaixa de arredor de 2.000 euros ao ano para a categoría de dependenta nas provincias da Coruña e Pontevedra; a desaparición do complemento de antigüidade para o persoal de Lugo e Ourense; e a perda do complemento de permanencia na provincia da Coruña.

Ademais, estabelécese a obrigatoriedade de traballar nos domingos e días festivos de apertura; a planificación de horarios e calendarios redúcese a cinco semanas de antelación; recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses (disparando a pobreza salarial); e autorízase a contratación fixa-descontinua a tempo parcial, afondando aínda máis na precarización dun sector marcado polas elevadas taxas de parcialidade.

A respecto da xornada anual pactada (1.770 horas para 2026, 1.760 para 2027 e 1.740 para o ano 2028), a CIG advirte que malia a propaganda, na realidade as horas de traballo anuais aumentarían xa que o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo.

Para o resto de cuestións sobre as que aínda non existe consenso, como o complemento durante as baixas ou as licenzas, a patronal e os sindicatos CCOO e FETICO emprazáronse a continuar negociando, e fixando unha nova reunión da mesa para o 20 de abril.

Desaparición dos convenios provinciais

A CIG denuncia que a sinatura definitiva deste convenio estatal significaría a desaparición ou redución ao mínimo das negociacións provinciais (así se está a comprobar coa negativa do empresariado a renovar o convenio de comercio vario da Coruña, caducado en decembro); conxelar durante anos as condicións laborais e salariais do persoal que xa está contratado e a precarización daquelas persoas que se vaian incorporando. Creando ademais, unha disparidade de condicións entre as persoas que traballan na mesma tenda e realizan as mesmas tarefas.

Para evitar esta ataque, a CIG solicitoulle á patronal galega (a través do Consello Galego de Relacións Laborais) avanzar nun marco propio que blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa fronte ao convenio estatal de ARTE, tal e como xa se fixo en Euskadi. Porén, a patronal galega negouse a asinar un acordo interprofesional de ámbito autonómico.

Neste contexto, a CIG fai un chamado ás traballadoras e traballadores do comercio para que se mobilicen na defensa dos seus dereitos e conseguir que o convenio estatal que promove a gran patronal non se aplique en Galiza. Pois, o único obxectivo de ARTE é empeorar as condicións de traballo e liquidar os convenios provinciais a través dos que se foron conseguindo importantes melloras para o sector.