CIG-Repsol convoca protesta para esixir máis seguridade e maior investimento en mantemento na refinería
Dende a Sección Sindical da CIG en Repsol queren manifestar, en primeiro lugar, a preocupación polo estado da traballadora que sufriu o accidente e que permanece ingresada en estado grave no CHUAC con queimaduras de 3º grao no 55% do seu corpo.
Para a representación da CIG na empresa, este sinistro (ao igual que os outros cinco rexistrados na última década) ten dous motivos principais: dunha banda a nova estrutura imposta pola Dirección de Repsol, “que supuxo unha redución dos postos e un incremento da carga de traballo para todo o equipo de Operacións. En moitas ocasións temos dito que esta estrutura é un fracaso, pero a dirección é obstinada e non rectifica a pesares das tráxicas consecuencias que está a ter”, advirten.
Xunto a isto, hai que sumar a importante baixada nos orzamentos destinados a mantemento, cun aforro de custes en materiais e man de obra e unha baixada de cualificación nas contratas de mantemento. “Pero a Repsol isto non lle preocupa, xa que o principal é pagar dividendos aos accionistas e obxectivos aos directivos. Isto si se cumpre á perfección”.
A este respecto, a Sección Sindical da CIG apunta ás deficiencias existentes na clínica da refinería, aos problemas nas duchas para queimados/as, ás eivas en mantemento e mesmo á existencia de erros na xestión do accidente ocorrido na madrugada do luns cun atraso indebido na saída da ambulancia das instalacións.
Fronte a isto, e ante a creación da pertinente comisión investigadora, dende a Sección Sindical reclámase unha actuación contundente, que realmente sirva para esclarecer responsabilidades e corrixir deficiencias. “Pero moito nos tememos que, como en anteriores ocasións, se utilice a comisión para chegar a conclusións que oculten as causas do sinistro e descarguen as culpas sobre os traballadores e traballadoras”, lamentan.