A CIG reclama a reversión ao público das centrais hidroeléctricas caducadas e a súa xestión a través dunha empresa pública de enerxía

O sindicato personarase no proceso de extinción dos tres encoros do Tambre concesionados a Naturgy para que sexan xestionados por Augas de Galiza
Nacional - 14 Abr 2026

A CIG vaise personar no proceso administrativo de extinción das concesións outorgadas a Naturgy no río Tambre para reclamar que estes saltos de auga revertan ao público e sirvan para sentar as bases dunha planificación e aproveitamento público dos nosos recursos enerxéticos. Esta acción vai na liña da ILP promovida pola CIG no ano 2019 para a recuperación dos encoros e centrais hidroeléctricas e da estratexia galega da enerxía presentada pola central sindical o pasado ano que, entre outras medidas, contempla a necesidade de crear unha empresa pública de enerxía que poña esta ao servizo do pobo galego.

O secretario xeral da CIG, que compareceu xunto aos responsábeis da Mesa de Enerxía da CIG, Quico da Silva e Fernando Branco, avanzou que a central nacionalista desenvolverá unha campaña social e institucional para que estes tres encoros do Tambre sexan xestionados pola Xunta de Galiza e non volvan ser concesionados a unha empresa privada, garantido así un aproveitamento público dos nosos recursos naturais.

Mais tamén para salvagardar o interese medioambiental das poboacións da contorna afectadas polo proxecto de construción dunha nova balsa para unha central reversíbel (que de volver ao público sería innecesaria) e poder atender as demandas do sector pesqueiro e marisqueiro de Muros e Noia que levan anos reclamando un plan de desencoro que evite os efectos prexudiciais que ten sobre o marisco da chegada masiva de auga doce.

“Exiximos unha volta ao público dos saltos Tambre I, Tambre II e Tambre III e imos facer unha acción social, institucional e legal-administrativa para que a tramitación desta extinción signifique que permanezan no público. Existe marco legal e o único que se require é vontade política da Xunta de Galiza”, aseverou Carril.

Soberanía enerxética

Nun contexto de crise xerada polos ataques imperialistas dos EUA sobre Irán, o secretario xeral da CIG subliñou que son este tipo de medidas as que permiten avanzar na soberanía enerxética e axudan a impedir que Galiza continúe sendo territorio de sacrificio. “O noso país está no punto de mira como obxectivo para a produción e o almacenamento. Historicamente sufrimos o impacto social, económico e ambiental desta actividade, pero son empresas privadas as que levan os millonarios beneficios”, denunciou.

Fronte a este deseño de espolio, cómpre pois, unha planificación pública galega “que debe partir dunha empresa ou ente público de enerxía que manexe estes activos e que garanta que os beneficios reverten no conxunto do país e do pobo galego, axuden ao noso desenvolvemento económico e social, á industrialización e para que poidamos ter uns prezos máis asequíbeis e un acceso á enerxía de forma máis xusta”.

Carril lamentou que a Xunta de Galiza non asuma as súas responsabilidades nesta materia e ante a presión social pretenda “de maneira fraudulenta xustificar que fai algo dicindo que a través da empresa Recursos Naturais de Galiza abaratará o prezo da luz para a veciñanza das poboacións afectadas polos parques eólicos nun radio de 1,8km”.

A CIG pide unha auditoría de todas as concesións

O expediente dos saltos do Tambre coincide tamén coa consulta previa do MITECO para a elaboración dun procedemento administrativo unificado para outorgar novas concesións de centrais hidráulicas, nomeadamente as reversíbeis, ao que a CIG presentou alegacións. Quico da Silva explicou que nun sistema de produción eléctrico como o español, que precisa de almacenamento enerxético, as centrais hidroeléctricas galegas “xogan un papel fundamental”. Mais, salientou, antes de autorizar novas centrais de bombeo o primeiro que se debe abordar “é a situación das concesións actuais, que están máis que en cuestión”.

Lembrou que o límite máximo para unha concesión, incluíndo prórrogas, son 75 anos, pero neste momento hai aproveitamentos con expedientes de reversións en instrución “con 115 anos de utilización, moi por enriba do que estabelece a lexislación”.

Por iso, a CIG formulou de novo, hai uns meses, a necesidade de realizar unha auditoría por parte das administracións titulares para coñecer o estado de todas as concesións e naquelas que sexa posíbel, é dicir, que teñan superado o período de concesión administrativa, comezar co procedemento de reversión fixado na lei. Un procedemento, aclarou da Silva, que hai que iniciar tres anos antes de que remate o prazo da concesión e para o que hai un ano e medio de trámite para facelo efectivo.

Non obstante, denunciou que esas reversións, nas centrais que son competencia da Xunta de Galiza, non se están a realizar e incluso a administración galega deixou caducar voluntariamente os expedientes abertos, co cal continúa a concesión.

“O que reclamamos é que a xestión destes aproveitamentos se faga a través dunha empresa pública galega de enerxía que empezaría a ter contido precisamente coa reversión das centrais hidroeléctricas que están no noso país”, apuntou. E neste sentido, poderíase empezar a encetar un plan propio de almacenamento enerxético hidráulico pois actualmente “o único que hai é a chamada axenda enerxética 2030 que non concreta nin obxectivos, nin orzamentos, nin planificación de ningún tipo”.

Finalmente, a CIG reivindicou que a competencia para a tramitación, outorgamento de permisos, autorizacións e concesións de todas centrais hidroeléctricas situadas no noso país sexa da Xunta de Galiza; e que se respecten os procedementos de consulta e de participación pública.