CIG reclama a SEAGA indemnizacións ao persoal que rescindiu contrato por modificación substancial de condicións laborais
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de emitir unha nova sentenza ratificando outra anterior, do xulgado do Social nº 4 de Ourense, que fallaba que SEAGA ten que aboar a 9 traballadoras e traballadores desta empresa pública indemnizacións por extinción do contrato por modificación substancial de condicións laborais. Esta sentenza é a cuarta que emite o alto tribunal no mesmo sentido e vén sumarse á tamén ditada polo propio Tribunal Supremo que sentou xurisprudencia ao fallar contra un recurso da empresa pública.
O TSXG considera probado que houbo un acordo entre a empresa e os representantes legais das traballadoras e traballadores para unha modificación substancial de condicións de traballo de carácter colectivo.
Esta modificación mudaba a forma de prestación de servizos, que pasou de realizarse a quendas e en xornada continua a ter que realizarse en xornada partida, o que provocou non só unha diferente organización do traballo, senón que repercutiu, directa ou indirectamente, na conciliación do traballo e a vida persoal e familiar.
Igualmente levaba consigo unha redución de salarios ao non haber xa traballos de noite (complemento de nocturnidade), nin tampouco quendas (plus de especial dedicación).
Deste xeito, o TSXG considera que “os prexuízos están acreditados”. Por iso desestima o recurso de SEAGA e confirma a resolución recorrida que recoñecía o dereito do persoal a extinguir o seu contrato e percibir unha indemnización de 20 días por ano traballado.
Servizo de extinción de incendios
Segundo explica Diana Rodríguez, da CIG-Servizos de Pontevedra, isto produciuse coincidindo co momento no que a Xunta comeza a computar para o servizo de extinción de incendios o tempo traballado en SEAGA. Unha parte do persoal pasouse ao servizo de extinción da Xunta. A empresa fíxolles igualmente o chamamento, pero non podían incorporarse a SEAGA e á Xunta porque coincidían nos mesmos períodos e o persoal consideraba que a modificación substancial de condicións de traballo na empresa pública era prexudicial.
“Diante desta situación, que afectou a persoal das catros provincias, desde a CIG presentamos demandas, por comarcas, por modificación substancial de condicións de traballo e despedimento”, explica Rodríguez quen apunta que estas sentenzas do xulgado de Ourense foron as primeiras en ser emitidas e inmediatamente recorridas por SEAGA.
Xuízos pendentes
Diana Rodríguez incide en que son moitos aínda os xuízos pendentes:
* Traballadores/as da Comarca de Santiago, xuízo xa celebrado no Xulgado do Social num. 1 de Santiago e pendentes de sentenza.
* Traballadores/as da Comarca de Vigo, xuízo xa celebrado no Xulgado do Social núm. 1 de Santiago e pendentes de sentenza.
* Traballadores/as da Comarca da Corunha, xuízo a celebrar no Xulgado do Social núm. 3 de Santiago o próximo día 9/5/22
* Traballadores/as da Comarca de Ferrol, xuízo a celebrar no Xulgado do Social núm. 3 de Santiago o próximo 26/04/22
* Traballadores/as da Comarca de Pontevedra, xuízo xa celebrado no Xulgado Social núm. 2 de Pontevedra e pendente de sentenza.
* Traballadores/as da Comarca de Lugo, 2 xuízos a celebrar nos Xulgados do Social núm. 1 e 2 de Lugo os próximos días 4/7/22 e 4/10/22
Por iso, tras das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que veñen darlle a razón, mais a do Tribunal Supremo, a CIG entende que a empresa tiña que indemnizar aos 200 traballadores e traballadoras que presentaron demanda, evitando que se dilate innecesariamente o proceso, se colapse o sistema xudicial e se provoquen, desde unha administración pública, máis gastos do erario público, que pagamos todas as galegas e galegos.