A CIG pide que o accidente mortal de Prado se sume á causa penal que investiga as obras do AVE
Os servizos xurídicos da CIG veñen de interpor unha denuncia penal para investigar a morte en accidente laboral do traballador I.B.G., decorrida o pasado día 10 de outubro, solicitando a súa incorporación á causa iniciada polo Xulgado de Instrución nº1 de Verín a instancias da central. Solicita, deste xeito, responsabilidades penais ante o “total desleixo” das Administracións á hora de evitar os sinistros.
A CIG vén de interpor unha nova denuncia, a segunda pola vía penal, dirixida a que se investiguen os graves sinistros laborais sucedidos nas obras do AVE que se efectúan na provincia de Ourense. Solicita, desta volta, que a morte en accidente do traballador I.B.G, acontecida o pasado 10 de outubro, se integre na causa penal aberta polo Xulgado de Instrución nº1 de Verín a petición da central nacionalista, en fase de dilixencias previas.
Na denuncia pide que se requira toda a información relativa ao accidente mortal de Prado a Protección Civil, bombeiros/as, Garda Civil, Consellaría de Traballo, ADIF e ás propias empresas para que sexa, no marco desa investigación, onde se depuren as responsabilidades que puideran derivar de tal sinistro, baseándose nos artigos 316, 317 e 318 do Código Penal.
Así mesmo, indica que nas obras do camiño de ferro de alta velocidade que están a executarse nos treitos que decorren polos concellos da Gudiña a Vilar de Barrio a concentración de accidentes de traballo é de grande magnitude, con seis falecementos desde 2013.
Isto revela, segundo a central, un “desleixo absoluto” tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral e dereitos dos operarios/as por parte das empresas adxudicatarias das obras e das Administracións Públicas concedentes, como na responsabilidade "in vigilando" da esixencia de tal cumprimento por parte dos órganos gobernamentais de Inspección e seguridade no traballo da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galiza e do Ministerio de Emprego.
Neste mesmo sentido, a CIG desenvolveu protestas o pasado venres 19 no túnel do AVE en Cerdedelo para denunciar publicamente a neglixencia das diferentes Administracións e esixiu a toma urxente de medidas ante a lacra dos accidentes laborais.
Grande concentración de accidentes nas obras do AVE
A causa penal incorpora unha lista da sinistralidade laboral en coñecemento da CIG nese treito das obras do AVE, á que se suma a do pasado día 10.
- O 2 de abril do 2013 morre un enxeñeiro de 37 anos atropelado nun dos tuneis do AVE no Concello de Vilar de Barrio.
- O 17 de xuño do 2014 morre un traballador de 42 anos ao caír dunha pá excavadora nas obras do AVE no treito da Gudiña a Vilariño de Conso.
- O 5 de agosto do 2014 un incendio no tunel do Corno (no Concello de Vilar de Barrio), producido ao pe dun depósito de detonadores de explosivos, provoca a intoxicación e evacuación de 13 traballadores/as.
- O 7 de xullo do 2015 a CIG denuncia perante a ITSS de Ourense e a Subdelegación do Goberno en Ourense a realización de xornadas maratonianas por parte dos traballadores/as das obras do AVE, como causa da produción dos accidentes de traballo.
- O 15 de setembro do 2015 un traballador de 31 anos morre e outro fica ferido grave ao cair dende un canastro de traballo, nas obras do AVE do treito Prado Cerdedelo.
- O 23 de marzo do 2016 un operario olla amputada a súa mau nas obras do tunel do AVE no treito de Cerdedelo, séndolle reimprantada no Hospital Povisa de Vigo.
- O 6 de novembro do 2017 un operario de 35 anos morre no interior do tunel do Corno en Laza
- O 30 de novembro do 2017 un condutor de tractor é ferido grave nas obras do AVE en Laza
- O 19 de decembro do 2017 6 obreiros son evacuados dun incendio das obras do tunel do AVE en Laza.
- O 10/10/18 produciuse un novo accidente de traballo nas obras do AVE, na zona do Prado, entre os Concellos de Laza e Vilar de Barrio, causando a morte do traballador I.B.G. cando prestaba servizos como chófer nas citadas obras.