CIG participa na reunión da Confederación Sindical de Países en Lingua Portuguesa
O pasado 9 de xuño, e aproveitando a presenza de todas as organizacións na 106 Conferencia Internacional da OIT, reuniuse o Comisión Executiva da Confederación Sindical de Países en Lingua Portuguesa (CSPLP), da que a CIG forma parte. No encontro contouse coa presenza da CSB do Brasil como observadora, que solicitou tamén a súa entrada.
A meirande parte da reunión , explica o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera, foi adicada á información que as compañeiras trasladaron á Comisión Executiva sobre o proceso de creación, posta en marcha, organigrama e regulamento de funcionamento da Secretaría da Muller, así como o reparto das distintas responsabilidades dentro da Secretaría. Estes acordos serán ratificados no vindeiro congreso. Houbo un recoñecemento unánime ao traballo realizado por estas compañeiras dende o anterior congreso e á satisfacción polo resultado final.
Xunto a isto, a secretaria informou da súa presenza en representación da CSPLP no 7º Congreso da CIG, das xestións coa delegación da OIT en Lisboa, e o vindeiro encontro con responsábeis da CPLP, na que están representados os gobernos dos países de lingua lusófona, así como outros encontros institucionais.
Acordouse tamén organizar unha homenaxe ás persoas fundadoras da CSPLP, coincidindo co seu aniversario, no vindeiro ano, no Brasil. Esa homenaxe farase coincidir, para aproveitamento dos recursos, ou ben cunha Conferencia Internacional, ou ben co próximo congreso. Quedouse en confirmar as datas cando haxa unha maior certeza sobre o proceso político que está a vivir o Brasil, para non interferir nas loitas que o sindicalismo brasileiro está a levar contra o goberno ilexítimo de Temer, ou cun hipotético proceso electoral.
En relación con este asunto, precisamente, tamén se tomou o acordo de sacar unha nota pública conxunta de apoio a todas as mobilizacións que está a haber no Brasil na campaña de “Fóra temer”.
Tamén se trataron outros asuntos, relacionados coa visualización da CSPLP a nivel internacional, así como a coordinación dos asuntos que teñen que ver con algúns dos nosos países e que sexan debatidos no seo da OIT.