CIG-Navantia reclama investimentos na área de reparacións e construír o novo dique
A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol denuncia o abandono do departamento de reparacións, pois malia a importancia que esta área ten na actividade do estaleiro e xeración de emprego, nin o proxecto de orzamentos do Estado nin o da Xunta contemplan investimentos. Tampouco o Plan Operativo Anual da empresa pública que "un ano máis marxina o departamento de reparacións de Ferrol".
Potenciar e investir nesta área, subliñan, non é un capricho, senón a aposta de futuro necesaria para poder acceder a barcos de maiores dimensións e non perder mercado por falta de espazo. Lembran que recentemente o estaleiro de Ferrol perdeu contratos para a reparación de varios busques por estar o dique ocupado pola plataforma Terranova, da que se veñen de realizar os traballos previos ás probas de mar.
Neste senso, subliñan que a obra desta plataforma evidencia do impacto que o sector de reparacións ten no emprego e na economía da comarca. "Entre persoal da empresa armadora, persoal técnico etc. son máis de 200 as persoas que a plataforma trouxo a Ferrolterra", o que supón un importante revulsivo para a restauración, a hotelería, o comercio local...
Por iso critican que a dirección de Navantia e as institucións tanto locais como dos Gobernos central e galego, malia recoñeceren o éxito do proxecto e o impacto deste no emprego e na economía local, "obvian as necesidades do departamento", menosprezando o negocio de reparacións e "unha vez máis movéndose no terreo da hipocrisía".
"Como é posíbel que non se faga unha aposta seria de futuro do departamento, e en especial da construción dun novo dique seco?", cuestiona a representación da CIG en Navantia.
Por todo isto reclaman "de todos os sectores políticos e económicos" un compromiso na demanda desta infraestrutura tan necesaria. "Falar de futuro debe pasar por preservar o que xa ternos e potencialo, o resto é hipocrisía".
Galiza, sen orzamentos militares imputados en exclusiva
Sobre o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023, a CIG-Navantia denuncia "que non se asigna nin un só euro á provincia da Coruña". As partidas anuais reflectidas para os programas especiais de modernización e, nomeadamente, para os proxectos de modernización, enxeñaría e produción das F112 "fican baleiras nos datos referidos a Galiza. Cero euros. Mais non é así nos OXE para Madrid, Murcia e Andalucía".
Despois de anos e anos con promesas desde o Goberno español (adoito en época preeleitoral) e de acaparar titulares a respecto da importancia destes investimentos para a revitalización da comarca, "resulta que ao publicaren os números ollamos que decidiron compartir eses investimentos entre varias provincias, o cal impide que se reflictan nos datos referidos a Galiza".
Aínda que se descoñece en que porcentaxe se pretende compartir os orzamentos, "a ocultación dunha información tan relevante provoca intranquilidade. Con certeza, comprometemos o esforzo do noso sindicato para que esas porcentaxes non supoñan unha labazada na cara da Ría de Ferrol.