CIG-Navantia pide que se aclaren as razóns para mudar a dirección e que orientación se lle quere dar á empresa
A sección sindical da CIG en Navantia considera que o nomeamento da nova presidenta da compañía, Susana Sarriá, demostra a pouca importancia que os diferentes gobernos outorgan á xestión da empresa pública, "ou cando menos ao feito de que a persoa que estea a súa fronte sexa a máis capacitada". "Unha vez máis o nomeamento faise en función do partido no que goberna e, aínda máis, parece que en función do reparto de poder dentro do partido".
A representación da CIG subliña que Navantia é unha empresa do naval de alta tecnoloxía cunha proxección internacional "que require unha dirección especializada e coñecedora do sector". Por iso, consideran difícil que unha especialista procedente de enxeñaría de montes poida imprimirlle un impulso nese sentido, especialmente necesario "nun momento de intensas perdas e que está nun proceso de cambio e cun proxecto de inversións importante". Xa que logo, "supomos que será unha boa xestora", engaden.
Neste senso, aclaran que aínda que o criterio de que sexa unha persoa do sector -amplamente demandada pola representación sindical-, non asegura a boa xestión, si resulta un estímulo e un recoñecemento aos e ás profesionais da compañía e serve "para poñer os alicerces dunha boa xestión".
Reparto de poder dentro do PSOE
En clave política, para sección sindical da CIG este nomeamento obedece a un reparto dentro do propio PSOE, "máis concretamente para satisfacer e contentar a presidenta de Andalucía". Polo que esperan que "isto nun supoña ou acabe beneficiando de forma discriminatoria os centros alí instalados, en detrimento dos centros de Ferrol". Aseveran que este tipo de elección "non é bo requisito nin criterio para liderar os designios da empresa, así como que a mensaxe que se envía a clientes e traballadores/as sexa a máis adecuada".
A Sección sindical de CIG-Industria Navantia esixe que, de forma inmediata, se explique á representación dos/as traballadores/as a que obedece dito cambio e a orientación que con este se lle quere dar a empresa. Tamén que políticas se van seguir e que estivo facendo erroneamente ou non podía levar a cabo a anterior equipa.
Negociación do convenio
De igual maneira, a CIG-Navantia esixe que se negocie un convenio colectivo que amplíe e mellore as condicións socio laborais dos traballadores/as en activo e daquelas persoas que saíron ao longo deste ano; que se manteñan e amplíen as inversións previstas para os centros de Fene-Ferrol; unha recuperación e ampliación dos cadros de persoal que de verdade sirva para a creación de emprego estábel na comarca, así como o seu anovamento; a eliminación da subcontratación masiva; a recuperación do estaleiro de Fene, Turbinas e a potenciación de Reparacións, entre outras cousas.