CIG-Navantia: "Non entendemos as declaracións do Comité de Puerto Real nin que se impida a saída de chapa para a ría de Ferrol"
A Sección Sindical da CIG en Navantia valora como "incomprensíbeis" as declaracións do Comité de Empresa de Puerto Real e as situacións derivadas destas mesmas, como impedir a saída de chapa para os estaleiros da Ría de Ferrol. "Non nos parece leal nin coñecemos os motivos destas declaracións, entendemos que a defensa do traballo na localidade pode facerse sen necesidade de atacar ou quitar o traballo a outros centros", subliñan.
Esta incomprensión "convértese en sospeitas de manipulación e engano" cando se sabe que en diversas xuntas coa dirección, a última o 4 de marzo en Madrid, informouse á representación dos traballadores e traballadoras que, en principio, as proas e os garda calor dos Suezmax ían a ser feitos nos estaleiros da ría de Ferrol e que, dependendo da evolución dos traballos e as necesidades de carga de traballo, bloques da sala de maquinas tamén se farían nestes estaleiros.
A Sección Sindical destaca que Ferrolterra sufre a lacra do desemprego na mesma medida que a comarca de Cádiz e por iso no seu momento e ante a situación de longo desemprego polo que pasaban milleiros de traballadores/as do naval, a CIG defendeu un reparto equitativo desa carga de traballo.
"Nós, dende o inicio deste contrato, levamos defendendo que o óptimo sería que cada petroleiro se montara na súa integridade nun estaleiro, xa que economicamente é máis rendíbel facer un petroleiro na Ría de Ferrol que acabar facendo o 25% de catro petroleiros", engaden.
Lobby de presión
No relativo ás declaracións do presidente da patronal, "aínda que se descualifican por si propias", a Sección Sindical da CIG-Navantia quere lembrar que as inversións que se están a facer nos estaleiros da ría, ao igual que no resto de centros, son inversións mínimas pendentes de exercicios anteriores e inversións de preparación e adecuación para o “negocio” da eólica.
"O que está a facer esta agrupación de empresarios, xunto con outros axentes sociais da Comarca Gaditana, e crear un lobby de presión para impedir unha posíbel modernización dos estaleiros da Ría de Ferrol e repetir a estratexia que xa utilizaron no seu día, cando desde este mesmo lobby se pretendeu obstaculizar a construción de un dique flotante para o sector de reparacións na Ría de Ferrol", denuncian.
Fronte a isto, a CIG subliña que non vai permitir que se repita o que pasou con ASTANO e "loitaremos o posíbel, e tamén o imposíbel, pola modernización e o futuro dos nosos estaleiros". Cómpre lembrar, chegados a este punto e en vista do cariz que están a tomar as cousas, que o posíbel contrato de Corvetas para Arabia Saudita, son en principio 3 para Cádiz e 2 Para Ferrol.