A CIG-Navantia Ferrol subliña que o proxecto prioritario ten que ser a construción do novo dique
A CIG-Navantia Ferrol reitera que a construción do novo dique é unha obra "fundamental e irrenunciábel" para o futuro dos estaleiros na Ría. Ante os últimos cambios anunciados pola dirección da empresa pública no proxecto inicial de ampliación e modernización dos estaleiros, dende a sección sindical da CIG esíxese "clarificación e compromiso político e orzamentario" para a materialización do novo dique.
A dirección de Navantia presentoulle estes días á representación social un proxecto para a construción dunha nova nave para taller de sub-bloques e prefabricación nunha parte da área onde estaba prevista, en principio, a construción das instalacións da nova planta, "un proxecto esencial para o futuro do estaleiro como construtor de buques e incluía que naves de fabricación e armamento, oficina técnica e dirección e, sobre todo, a construción dun novo dique de construción cuberto.
Esiximos clarificación e compromiso político e orzamentario para a materialización do novo dique"
Este dique, subliña a sección sindical, é unha obra fundamental para garantir a viabilidade operativa da construción naval no estaleiro. "Porén, desde a presentación deste proxecto de novas instalacións transcorreron máis de dous anos sen que até o momento se materializara nada do anunciado, nin a nivel de xestión nin de consignación orzamentaria", denuncian.
Os investimentos que se van facer supoñen algo menos dunha cuarta parte do previsto: 98 millóns de euros dos arredor de 400 que era o orzamento do conxunto da nova planta de estaleiro. "Aínda que se nos informa de que esta nova nave sería unha instalación xa compatíbel e orientada ás novas instalacións, nós entendemos que o investimento prioritario, de acometer o proxecto por fases, sería o dique, xa que, de non consolidarse a construción deste, o resto das instalacións carecerían de sentido", valora a CIG-Navantia.
Ademais, advirten que esta proposta condiciona o proxecto inicial de nova planta de estaleiro polas seguintes razóns:
- Modifícase o proxecto presentado no ano 2016, onde se recollía que, cando menos, unha parte da serie das catro fragatas xa se construirían no dique novo. "Agora podemos confirmar que ningunha da serie das fragatas F-110 se vai facer nesa instalación. Non entendemos que o proxecto que se nos presentou estes días comece polo taller de sub-bloques cando en Navantia xa hai instalacións para facer este tipo de traballos. O lóxico sería comezar polo dique e que se puideran facer alí xa parte dos barcos do proxecto das F-110 como se anunciou inicialmente".
- Máis grave é que ninguén asuma o compromiso firme na execución desta importante obra nin cales van ser as fontes de orzamento, especialmente do futuro dique, que sería unha obra que no seu conxunto se acometería coincidindo no tempo co proxecto de execución das F-110, "cando agora se nos di que continúan as tramitacións pero dunha maneira totalmente ralentizada".
- Non se presenta un proxecto definido cos cambios que supón facer o taller en parte do espazo onde ía o dique, nin tampouco unha explicación de por que este cambio.
Dende a CIG-Navantia Ferrol consideran o novo dique unha obra fundamental e irrenunciábel para o futuro dos estaleiros na Ría e por iso esixen "clarificación e compromiso político e orzamentario" para a materialización de dita instalación. De igual xeito, fan un chamamento a todas as forzas políticas e sociais "para reclamar esta obra da forma máis inmediata posíbel, para clarificar o futuro dos estaleiros".