CIG-Navantia desvincúlase da convocatoria das prazas de persoal técnico sénior pola falta de obxectividade no proceso
A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol comunicaba onte á dirección da empresa a súa desvinculación do proceso de convocatoria das prazas do persoal técnico sénior xa que as fichas de requisitos que estaban acordadas entre a representación social e a dirección foron publicadas na web con numerosas modificacións. A sección sindical considera esta actuación deshonesta en relación ao comité e entende "que alguén debería asumir responsabilidades".
Despois do nefasto proceso de contratación do persoal técnico junior das prazas correspondentes ao ano 2019, que xerou numerosas queixas tanto dentro como fóra da fábrica, iníciase agora a convocatoria das prazas de TS sénior. Porén, a representación da CIG en Navantia advirte que o proceso está igualmente eivado pola falta de obxectividade: elaboración dunha ficha de requisitos para cada praza, publicación desas fichas e finalización con entrevistas ás persoas participantes.
"A escolla realízase en base ás entrevistas e a unha valoración do currículo subxectiva, pois non se fai unha baremación da súa experiencia, formación académica e outros méritos", apuntan. A CIG participou no proceso "pois é o formato previsto para as prazas de 2019 e tamén porque sempre se dixo que deste primeiro proceso habería que tirar as conclusións que permitisen mellorar os procesos dos vindeiros tres anos". Non obstante, á vista da actuación da dirección, a sección sindical comunicou a súa desvinculación deste proceso.
Lembra que recentemente o BNG solicitou información no Congreso dos deputados e deputadas sobre como se ía producir o acceso de persoas tituladas universitarias a Navantia; concretamente, se este acceso se ía producir en condicións de transparencia e igualdade de oportunidades. Na súa contestación por escrito, o Goberno español afirma que "coa participación da Representación Legal dos Traballadores, Navantia asegura a transparencia e garante a igualdade de oportunidades para participar nos procesos de selección".
Por iso, a sección sindical da CIG reitera que se hai firmeza por parte do comité á hora de defender eses principios, "a dirección terá que ceder pois necesita a nosa aprobación. Está na nosa man que a convocatoria de prazas correspondente a 2020 sexa a primeira na historia de Bazán-Izar-Navantia na que haxa probas obxectivas para o acceso do persoal técnico sénior".