CIG-Navantia cualifica de decepcionante a reunión con Industria pola falta de iniciativas da Consellaría para o naval de Ferrol
O pasado venres os comités e os delegados/as das auxiliares de Navantia reuníronse coa Consellaría de Economía e Industria para abordar a situación do naval na ría e o futuro das instalacións. Para a sección sindical da CIG, o encontro foi "decepciónante", ao constatarse como a Xunta "bota balóns fóra, non facéndose cargo de ningunha das iniciativas que a parte social lle puxo enriba da mesa: nin para Carenas, nin para Turbinas, nin para a eólica mariña, nin para as novas instalacións".
Constouse a ausencia total dunha estratexia industrial para Navantia e as súas posibilidades"
Dende a Xunta limitáronse a culpabilizar a propia Navantia e ao Goberno español, esgrimindo mesmo que a administración autonómica só pode subvencionar a pequena e mediana empresa ou proxectos de I+D+I, "o cal dá a dimensión dunha xestión desastrosa en Industria como estamos a ver por toda a nosa comarca pois, na realidade, teñen todas as competencias en Industria".
En definitiva, resume a representación da CIG, unha "ausencia total" dunha estratexia industrial para Navantia e as súas posibilidades. "Nin intención sequera, pois rexeitaron o que se lle dixo en relación ao que pon o Estatuto da Galiza en canto a exercer as competencias en Industria e a Lei sobre o Naval en canto a entrar no accionariado de Navantia para poder incidir sobre a xestión da empresa. Se se considera a Navantia como estratéxica, a política non pode ser esconder a cabeza e botarlle a culpa aos demais", aseveran.
Incapacidade da Xunta para presentar proxectos concretos
Neste senso, critican que , ante a demanda dos sindicatos, "o conselleiro parecía un máis, até podería confundirse nas reivindicacións se só escoitásemos un audio". Por iso, a sección sindical entende que se existe coincidencia entre as centrais sindicais e a Xunta nas reivindicacións e na análise dos problemas, "como membro do Goberno galego ten a obriga de actuar: non como mero administrativo dos trámites dos posíbeis proxectos de empresas privadas, senón politicamente, impulsando accións concretas".
O conselleiro ten a obriga de actuar politicamente, impulsando accións concretas"
De feito, fixo mención aos fondos europeos como oportunidade para poder financiar iniciativas para Navantia, "pero o problema que temos na actualidade é que este conselleiro non é quen de presentar proxectos concretos, o cal é grave pois existe a posibilidade de que sexan as comunidades autónomas as que xestionen ditos fondos". Na comparecencia deste no Parlamento confirmou esta ausencia de iniciativas a pesares das preguntas que se lle fixeron.
"Son coñecedores polo miúdo dos problemas de Navantia, din que temos o seu apoio, pero iso non é o que esiximos do seu Goberno pois necesitamos que teñan unha estratexia para impulsar a creación de emprego", afirma a sección sindical da CIG.
Falta de carga de traballo
No que atinxe á carga de traballo, noméanse as posibilidades pero sen fixar ningunha acción, cando debe ser a prioridade, mais "nin sequera acadamos un compromiso de negociación co Ministerio para tratar de sensibilizalos ou de influír nas súas decisións. Lembremos que o seu Goberno foi quen, por decisións clientelares na adxudicación técnica do sistema de mísiles, provocou o atraso de dous anos no comezo das Fragatas. Dous anos de paro para centos ou miles de persoas".
"É dicir, xa sabemos que todos/as temos como prioridade a carga de traballo, o que esiximos da Xunta é que actúe e non que sexa pasiva con ausencia total de iniciativas. Que teña unha estratexia para levar a cabo e financiar proxectos nunha empresa da importancia de Navantia", esixen.