CIG-Navantia critica que se impoña o traballo produtivo por enriba do preventivo
A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol critica que, na situación de emerxencia sanitaria que vivimos, a empresa "impoña o traballo produtivo por riba do preventivo, querendo acelerar e apurar as situacións dun xeito precipitado", sen asegurar a aplicación de todas as medidas de protección contempladas no protocolo. Fronte a este criterio, a representación da central nacionalista segue a defender a necesidade de continuar só cos traballos esenciais.
Neste senso, entenden que a decisión de reinicio da actividade decretado polo goberno "se toma por presións empresariais que poñen por diante a cuestión económica antes que a defensa da saúde das e dos traballadores e das familias".
Deste xeito, ademais dos traballados esenciais que xa se viñan facendo en turbinas, carenas, limpeza e mantemento, a próxima semana na eólica en Fene, no proxecto Kincardine traballarán arredor de 70 persoas en cada quenda; mentres que en Ferrol nos buques AOR, fundamentalmente de electricidade, están operativas unhas 60 persoas tamén en cada quenda.
A sección sindical explica que onte, venres, se aprobou o protocolo para o plan de reactivación da actividade, que fora abordado na reunión da comisión de seguimento da Covid19 en base ao establecido no documento marco para toda Navantia.
Nesta reunión da comisión tamén se tratou "como estaban os traballos nos diferentes centros, facendo o repaso por todos eles e coa filosofía de facer labores de preparación, limpeza e mantemento de cara ao día 26. Nesta data poderá cambiar o estado de alarma de xeito xeral, mais para Cartagena e Ferrol xa estaban propoñendo reanudar algúns traballos non esenciais rompendo coa conclusión a que se chegara a semana anterior na primeira reunión", critican.
Para a CIG ter desenvolto este protocolo "é preceptivo á iniciación da actividade na nosa empresa, así como a obriga que ten a industria auxiliar de achegar o seu propio protocolo e a divulgación efectiva entre os cadros de persoal das medidas a aplicar". Nesta liña, apuntan que a CIG vai vixiar que se cumpran todas as medidas acordadas "porque sen ser infalíbeis axudarán a non expoñer os traballadores/as e as súas familias a posíbeis contaxios".
Convocatoria de prazas de acceso
Doutra banda, a CIG-Navantia informa que na comisión de Formación e Emprego se está tratando de adiantar o traballo o máximo posíbel co obxectivo de que ao remate do estado de alarma se poida activar a convocatoria das 85 prazas de acceso para persoal operario e empregado.
Sinalan que a apertura dun prazo extraordinario de presentación da documentación posibilitará que ningunha persoa fique excluída polas múltiples incidencias acontecidas anteriormente. Hai que lembrar que das persoas solicitantes 2/3 foran excluídas no listado provisional.
No caso das persoas que foran admitidas, indican, só terán que agardar a que se publique a data dos exames, "a cal será o antes posíbel e, obviamente, tendo en conta o criterio das autoridades sanitarias".