A CIG mobilízase nos edificios da Xunta por un plan galego de recuperación económica e protección social

A central nacionalista celebrou asembleas de delegadas e delegados en todas as cidades no camiño do Primeiro de Maio
Nacional - 09 Abr 2025

Delegadas e delegados da CIG mobilizáronse este mércores nas sete cidades e en Vilagarcía diante dos edificios da Xunta para reivindicar un plan galego de recuperación económica, un plan de protección social e plenas competencias para Galiza en materia laboral, económica e fiscal. As concentracións estiveron precedidas de realización de asembleas e constitúen a antesala das 17 mobilizacións que a CIG ten convocadas para o Primeiro de Maio, que este ano conmemora baixo do lema “Traballo, Dereitos, Soberanía. Galiza contra as Guerras”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou da asemblea e da concentración da Coruña, destacou a necesidade de pór en marcha un plan galego de recuperación económica que aposte pola industrialización, a creación e defensa de emprego digno e uns servizos públicos fortes, fronte ás políticas “suicidas” que aplica o Goberno do PP na Xunta.

Unhas políticas, advertiu, que nos levan a un avance da pobreza e da desigualdade e van encamiñadas á depredación dos nosos recursos naturais para poñelos en favor dos “fondos de investimento, prolongado e afondando na nosa condición colonial de despensa de recursos, mentres se desertizan comarcas enteiras e a emigración continúa”.

Para levar adiante este plan, reclamou a intervención pública en sectores estratéxicos e o aproveitamento dos recursos galegos “para xerar emprego, completar ciclos produtivos, aumentar o valor engadido e garantir un desenvolvemento equilibrado territorial e ambientalmente”.

Carril reivindicou tamén un plan galego de protección social que estea centrado na atención ás persoas, a creación dun parque público de vivendas e a constitución dun sistema público galego de coidados, fortalecendo servizos como o ensino e a sanidade. Neste senso, lembrou que mañá, xoves 10 de abril, a CIG ten convocada unha xornada de folga nas residencias privadas por un convenio digno e contra da “obsesiva mercantilización dos coidados e a privatización dos servizos públicos do PP”.

Xunto a isto, a CIG reclama plenas competencias para Galiza en materias laborais, económicas e fiscais, “para decidir o noso modelo económico e social como alternativa viábel para vivir e traballar dignamente no noso país”.

Escalada belicista

O secretario xeral indicou que estas mobilizacións se desenvolven no contexto do Primeiro de Maio, data na que a CIG ten convocadas 17 mobilizacións en todo o país “para exixir traballo, dereitos, soberanía e lanzar un berro de Galiza contra as guerras e pola paz”. 

Advertiu do actual contexto de crise global, marcado pola ofensiva do capitalismo neoliberal, a escalada belicista e as exixencias de incrementar o gasto militar por parte da nova administración do EUA, “que obedientemente cumpren a Unión Europea e o Goberno español”.

Denunciou que estas demandas, xunto coa imposición dos aranceis,  constitúen “un intento dos EUA de impoñer unha nova fase do imperialismo, de afondar na explotación de clase, que pode supoñer un  retroceso importante das condicións de vida do conxunto da poboación porque en definitiva, a guerra e o gasto militar significan caldo de cultivo para o fascismo e a reacción, pero tamén pobreza, desemprego e desigualdade”.

Por todos estes motivos, animou a saír as rúas este Primeiro de Maio, así como a participar nas concentracións convocadas para esta mesma tarde pola plataforma Galiza pola Paz, nas sete cidades, ás 19:30h.