A CIG mobilízase en Lugo contra a represión da solidariedade con Palestina e para exixir a derrogación da lei mordaza

No marco da sanción administrativa proposta contra o secretario comarcal da central nacionalista por feitos acontecidos durante a Volta
Lugo - 01 Abr 2026

A CIG concentrouse este mércores diante da Subdelegación do Goberno de Lugo en rexeitamento á represión das acción de solidariedade con Palestina e para exixir a inmediata derrogación da lei mordaza. A mobilización desenvolveuse coincidindo co chamado a declarar por parte da Subdelegación de dúas testemuñas, dentro do proceso de instrución da sanción administrativa que lle foi proposta ao secretario comarcal da CIG, Lois Neto, por feitos acontecidos na Fonsagrada durante a etapa da Volta ciclista.

A CIG olla con preocupación as diferentes actuacións represivas por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado contra persoas e colectivos que, de maneira lexítima e solidaria, se mobilizan en defensa do pobo palestino fronte á ocupación, o xenocidio e a violencia sistemática que sofre.

Identificacións arbitrarias, sancións administrativas, e procedementos xudiciais constitúen prácticas que pretenden desmobilizar e silenciar a resposta social ante unha situación de inxustiza internacional e defensa dos dereitos humanos. Actuacións que son na práctica incompatíbeis coas teóricas posicións do Goberno español a favor do Estado de palestina e contra a actuación criminal do Estado sionista de Israel.

A CIG considera absolutamente inaceptábel que o exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión e de manifestación sexan obxecto de persecución. Esta deriva represiva ten un instrumento central na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, máis coñecida como lei mordaza, aprobada polo Partido Popular e que, malia os compromisos adquiridos, segue sen ser derrogada polo actual Executivo do PSOE-Sumar.

Neste sentido, a central sindical denuncia a absoluta incapacidade e falta de vontade política do Goberno español para cumprir coa súa promesa de derrogar esta norma. Lonxe de avanzar na recuperación de dereitos democráticos, mantense en vigor un marco legal que permite sancionar a protesta, limitar a acción sindical e reprimir a mobilización social.

A CIG reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos e liberdades públicas, así como coa solidariedade internacionalista cos pobos en loita pola súa soberanía. A solidariedade con Palestina non pode ser criminalizada: é unha obriga ética e política fronte á barbarie e ao xenocidio.