A CIG defende a necesidade de mobilizarse pola continuidade de Alcoa e insta as administracións a actuar
Este martes, Alcoa ameazaba de novo os traballadores e as traballadoras de San Cibrao a través do envío de correos electrónicos e da prensa. Unhas ameazas que, á espera da reunión de seguimento do día 4 en Madrid, "non teñen a resposta que deberan por parte das administracións".
A representación da CIG advirte que Alcoa "segue na súa folla de ruta avanzando cara a un desenlace que cada vez máis semella o acontecido na Coruña ou Avilés que, coa conivencia por parte dos respectivos gobernos, rematou co peche e despece das factorías". Pero a incidencia que unha situación semellante pode ter nunha comarca coma a da Mariña, cunha economía altamente dependente do motor que supón San Cibrao, "sería moito máis grave".
Á vista dos movementos de Alcoa, a sección sindical da CIG defende que "só a loita e a visibilidade que poden dar as mobilizacións dun cadro de persoal unido (da principal e das auxiliares) poden mover as vontades políticas que fagan factíbel unha solución".
Propostas da CIG para Alcoa San Cibrao
Diante desta situación, a CIG lembra as súas propostas na busca dunha solución construtiva que salve o complexo industrial de San Cibrao e a comarca da Mariña.
- Crear a figura das Empresas Hiper-Electrointesivas.
- Garantir a través do Estatuto Electrointensivo e de todos os instrumentos públicos a máxima compensación por CO2 permitida por Europa, desligándoa dos Orzamentos Xerais do Estado.
- Articular unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía.
- Executar a alegación acordada no Consello Económico e Social de Galiza sobre a lei de beneficios sociais e económicos dos recursos naturais, fixando unha bonificación directa na factura eléctrica do 30% para as actividades industriais e económicas.
- Modificación da factura eléctrica para liberar das peaxes e cargos asociados ao transporte pola proximidade dos centros de consumo aos centros de produción.
- Atendendo á capacidade actual de xeración de MW das eléctricas coas que Alcoa ten subscrito PPA, á potencia que xa teñen adxudicada e á exportación de enerxía fóra de Galiza, as administracións teñen a obriga de articular, conxuntamente coas eléctricas, a activación inmediata das PPA para que o prezo da electricidade non siga a ser unha escusa para Alcoa.
- As administracións deben estudar todas as accións legais e institucionais que garantan o cumprimento dos compromisos por parte de Alcoa. En especial, o referido á execución dos investimentos para a construción do forno de ánodos.
- O Goberno español e a Xunta, aproveitando a compra do 100% de Alúmina por parte de Alcoa, deben fiscalizar o proceso e buscar unha formula de intervención, na porcentaxe necesaria no consello de administración, que garanta a continuidade do emprego en San Cibrao, incluíndo por suposto o das auxiliares, do mesmo xeito que xa pasou con Telefónica e Celsa Atlántic.
- Aprobación definitiva da ampliación á cota 104 da DBR antes do 01 de xuño de 2024.