"Mercadona aplica despedimentos orquestrados contra o persoal que exerce o seus dereitos"
A CIG mobilizouse este venres diante do supermercado Mercadona do Seixo (Oleiros) para esixir a readmisión dun traballador despedido inxustamente por supostos incumprimentos de método, denunciar a sobre carga de traballo que existe nesta tenda e os abusos continuados por parte da encargada "que non respecta os dereitos laborais básicos e opta pola política do medo e a represión co consentimento do departamento de Recursos Humanos".
Para a sección sindical da CIG o que hai atrás deste despedimento "é un acto máis de persecución" por parte de Mercadona contra aqueles traballadores e traballadoras que exercen os seus dereitos laborais e sindicais. Pois, explica a presidenta do comité provincial da Coruña e delegada da CIG, María López, non hai que perder de vista que o traballador (que leva nove anos na empresa) foi na candidatura da CIG nas últimas eleccións e mantivo unha actividade sindical constante, que se intensificou logo de caer de baixa a delegada da central nacionalista nesta tenda. "O castigo pola súa actuación na demanda de información e na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras non tardou en chegar até que acabaron por despedilo", critica.
Situación laboral "espantosa"
Mercadona alega que o traballador incumpriu os métodos de traballo, polo que recibiu unha acta de reprimenda por non mudar o calzado cando estaba a traballar no almacén e foi chamado para atender peixería. Incorreccións que "na práctica realiza a diario todo o persoal e que son motivo ou non de sanción dependendo do criterio da persoa encargada", apunta López.
A propia encargada da tenda, sinala, restoulle importancia a acta pero "sumándolle uns apuntes máis sobre supostas incorreccións do seu traballo, serviu para suspenderlle a valoración anual da prima de obxectivos e permanencia (unha paga que Mercadona outorga ao persoal seguindo valoracións subxectivas e arbitrarias), senón tamén para despedilo.
Pero o caso deste compañeiro non é illado, advirte María López, senón que nesta tenda "estase a vivir dende hai meses unha situación laboral espantosa" a causa da actitude da encargada. De feito, hai pouco tempo, outra traballadora deste establecemento do Seixo (tamén identificada como afín á CIG) foi despedida aínda que a empresa lle tivo que recoñecer a improcedencia.
Mercadona non facilita información sobre as normas internas
Para argallar este tipo de despedimentos, sinala a presidenta do comité provincial, Mercadona recorre a supostos incumprimentos dos métodos de traballo sobre os que a empresa, a pesar de que lle foron solicitados en numerosas ocasións, non entrega información. Como tampouco facilita as normas internas (métodos de vacacións, traslados, tatuaxes…etc.), de maneira que os traballadores e as traballadoras "non se poden defender cando lles impoñen as 'actas de reprimenda' que despois Mercadona utiliza para xustificar despedimentos, negándose incluso a entregarlle unha copia destas actas ao persoal afectado".
A falta de documentación por escrito é tal que Mercadona mesmo se nega a asinar "un simple recibido de calquera comunicación que lle fagan os empregados e empregadas, dando igual que se trate dunha solicitude de redución de xornada, de vacacións, de excedencias, dalgunha licenza recollida no convenio, etc.".
"O certo é que Mercadona con estas prácticas consegue despedir á carta a quen lle veña en gana", alerta López. "Orquestrando despedimentos como o deste compañeiro, para quitalo do medio nunha tenda na que a encargada está a someter continua e constantemente o seu persoal a un clima laboral insoportábel, que levou a que varias traballadoras/es causaran baixa laboral ante as continuas presións e abusos aos que son sometidas/os; e no caso do persoal eventual moito causou baixa voluntaria polo mesmo motivo".
Denuncia na Inspección de Traballo
A representación da CIG ten denunciando esta situación diante de RRHH en reiteradas ocasións e ante a falta de resposta por parte da empresa solicitou o inicio de protocolo de acoso (que Mercadona obviou) e tamén presentou denuncia perante a Inspección de Traballo, á quen se lle pediu expresamente actuacións de maneira urxente e da que se está a espera da pertinente resolución.