A CIG pide a intervención inmediata das consellarías de Emprego e Cultura ante o peche patronal de Sargadelos

- 01 Dec 2025

A instancias da CIG, as tres centrais sindicais dirixíronse este luns por escrito á Consellaría de Emprego e á Consellaría de Cultura para solicitarlles unha reunión urxente e a posta en marcha de medidas inmediatas ante o ilegal peche patronal executado polo propietario de Sargadelos.  A central nacionalista incide en que non existen causas que xustifiquen deixar sen ocupación efectiva o persoal e denuncia que estamos ante unha nova chantaxe de Segismundo García no marco do despropósito no que ten convertido a xestión de Sargadelos.

“Non é de recibo que se lle permita a este empresario actuar desta maneira, saltándose toda a lexislación vixente”, asevera o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto. Insiste en que as autoridade competentes teñen que  actuar xa para garantir o dereito ao traballo do persoal de produción da cerámica de Cervo, a quen hoxe se lle volveu impedir o acceso ao interior da factoría.

E neste senso, en resposta ás declaracións feitas polo presidente Alfonso Rueda, critica a falta de dilixencia da Xunta de Galiza e lémbralle que actuar “non é máis que exercer as competencias das que dispón o Goberno galego”. Neto lamenta que non se estea informando ao cadro de persoal e agarda que as medidas ás que se refire Rueda “non rematen en ‘acordos por atrás’ cun empresario que se dedica a vulnerar a lexislación laboral e os dereitos das traballadoras e  traballadores”.

Á incerteza no emprego sumouse agora o impago das nóminas de novembro, cando é práctica habitual nesta compañía proceder ao abono no último día laboral do mes. Polas noticias aparecidas en medios, García xustifica a falta de pago na súa dimisión como CEO de Sargadelos polo que xa non tería poder para asinar as nóminas.

“Non podemos máis que amosar a nosa absoluta repulsa ante unha actitude tan retorcida e miserábel como a de dimitir sen autorizar o ingreso dos salarios, condenado o persoal a un impago premeditado e indefinido”, denuncia Neto, para quen, outra volta, o empresario utiliza as súas traballadoras e traballados como reféns na loita contra a autoridade laboral e na súa teimada resistencia á acatar a lexislación vixente.

Neste contexto, continúa o secretario da CIG de Lugo-A Mariña, cómpre unha solución definitiva que garanta a continuidade desta empresa, tendo en conta o que Sargadelos representa para o país e para a cultura galega, polo que reivindicou un plan de futuro viábel para a fábrica de Cervo, sen descartar a intervención da empresa por parte da Xunta de ser necesario para garantir o emprego, a actividade da factoría e a supervivencia do seu legado cultural.