CIG-Industria solidarízase coa familia e achegados de Unai Martínez diante do xuízo que se iniciará este xoves
Diante da celebración do xuízo que terá lugar este xoves día 14 e luns 18 setembro, ás 9:00 horas, nos xulgados da Coruña pola morte do traballador Unai Martínez no fatídico accidente mortal que tivo lugar en marzo de 2022 durante a parada de HDT, a CIG- Industria quere amosar mais unha vez a súa solidariedade coa familia e os seus achegados/as.
Así mesmo desde a Federación de Industria, esixen que se faga xustiza e que se depuren as máximas responsabilidades no xuízo que dará comezo no día de mañá.
Desde a CIG-Industria volven instar, como xa fixeron na anterior parada do ano en curso, a que Repsol cumpra as súas obrigas en materia de coordinación empresarial para a actividade preventiva, e a cumprir cos seus compromisos adquiridos na parada do 2022.
Para evitar que se repitan feitos similares e garantir a seguridade de todo o persoal a CIG insta á empresa a cumprir coas súas obrigas en materia de seguridade, e reitera que seguirá vixiante fronte aos incumprimentos que se poidan producir no día a día do mantemento da planta e nas vindeiras paradas técnicas.