CIG-Industria diríxese aos grupos parlamentares para abordar a situación laboral do persoal das auxiliares
CIG-Industria ten solicitadas reunións con todos os partidos políticos con representación do Parlamento galego para abordar a situación do persoal das empresas auxiliares de Navantia na ría de Ferrol. A Federación destaca o carácter estratéxico do sector naval para o noso país, especialmente na comarca de Ferrol, polo que as condicións de traballo (seguridade e saúde, salarios, estabilidade no emprego, formación, etc.) do persoal das auxiliares "non pode queda á marxe desta consideración, como semella acontecer en moitas ocasións".
Dende CIG-Industria lembran que dado que Navantia é unha empresa pública," e polo tanto suxeita ao control dos partidos políticos, e que tanto a Inspección de traballo, como a autoridade laboral na Galiza, funcionan en última instancia segundo as directrices que marcan os partidos nos diferentes gobernos, parécenos preciso realizar un intercambio de opinións ao respecto da situación no sector, co ánimo de mellorar, e aumentar a eficacia das intervencións que poidan emprender desde as diferentes administracións".
Temas a tratar nas xuntanzas
Entre as cuestións que a CIG-Industria quere abordar coas diferentes forzas políticas atópanse:
1. Os acordos salariais para a industria auxiliar do ano 2001. A súa recuperación como marco salarial estábel para toda a industria auxiliar e a súa inclusión no convenio colectivo provincial do metal.
2. A mesa do naval constituída entre representantes empresariais e sindicais e a posibilidade de que esta funcione como "foro" especializado onde poñer en común problemas e propostas para o sector.
3. A problemática da eventualidade no sector e a posibilidade de aumentar o control da autoridade laboral sobre a fraude na contratación.
4. A seguridade e saúde laboral como obxectivo non cuestionábel palas urxencias produtivas, nin polos axustes nas ofertas.
5. Necesidade dun plan de formación urxente e específico para o sector.
6. A subcontratación como fenómeno pensado para abaratar custes e flexibilizar controis.