CIG-Industria reunirase co subdirector xeral de Hidrocarburos para coñecer os cambios normativos no biodiésel
A Federación de Industria da CIG ten iniciado unha rolda de contactos institucionais para abordar o futuro do sector do biodiésel e para esixir do Ministerio de Industria e da Xunta que se garanta un marco regulador que permita que as plantas instaladas en Galiza poidan seguir producindo. A central sindical tamén reclama das distintas administracións que se promovan medidas para facilitar a transición da materia prima e poder pasar xa aos biocarburantes de segunda xeración con garantías para o sector e o emprego.
Deste xeito, mañá, mércores 7 de novembro, representantes da CIG-Industria viaxarán a Madrid para manter un encontro co subdirector xeral de Hidrocarburos e ter toda a información posíbel sobre os cambios no marco regulador do sector. Tamén se lle dará traslado da inquedanza que existe entre o persoal polo futuro do sector e a relevancia que ten que as administracións públicas se impliquen para garantir os recursos e os medios que xeren estabilidade nesta actividade.
Nesta rolda de contactos, a CIG-Industria xa se reuniu coa deputada do Parlamento Europeo, Ana Miranda, coa deputada do BNG no Parlamento Galego, Noa Presas, coa Xunta de Galiza e co INEGA, dende onde se avaliou a posibilidade, entre outras, de promover axudas de I+D+I destinadas á investigación de produtos de segunda xeración.
Cambios normativos a nivel europeo
A CIG pide que se clarifique o futuro da produción de biodiésel diante dos cambios normativos que se están a formular a nivel europeo, tanto no que ten a ver co levantamento de aranceis á produción estranxeira como no relativo ás posíbeis prohibicións do uso do aceite de palma como materia prima. A central sindical amósase especialmente preocupada por como as decisións políticas poden afectar á viabilidade de Masol Iberia Biofuel -a planta que a multinacional Musim Mas ten no porto exterior de Ferrol-, e que hai uns anos xa atravesou unha complicada situación laboral pola falta de regulamento no sector.