CIG-Industria reúnese co director de Navantia Ferrol para coñecer o contido do proxecto "Estaleiro 4.0"
Representantes da Federación de Industria da CIG reuníronse este venres co director de Navantia na ría de Ferrol, Julio Martín, para coñecer de primeira man en que consiste o proxecto "Estaleiro 4.0" e que impacto terá na actividade e o futuro dunhas instalacións que son o motor económico dunha comarca especialmente deprimida.
Na xuntanza, que se prolongou durante tres horas, participaron o Secretario Nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, o responsábel do sector naval da central sindical, Emilio Cagiao, o Secretario Comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal e o Secretario Comarcal de Industria, Vicente Vidal.
A preocupación polo que poida pasar nunhas instalacións fundamentais non só para a comarca de Ferrol senón para o conxunto de Galiza, dado carácter estratéxico do sector naval, e o descoñecemento do contido do mencionado proxecto motivou que dende a CIG -primeira forza sindical na comarca- se solicitara esta reunión.
A este respecto, apuntan que, segundo as explicacións ofrecidas polo director do estaleiro, o proxecto contempla a modernización e centralización de todos os servizos, levándoos a unha localización territorial distinta da actual, xunto coa construción dun dique cuberto. O modelo de empresa que busca Navantia para Ferrol resultaría similar ao das dúas grandes empresas europeas líderes no mercado naval internacional.
A Federación de Industria valora de xeito positivo o encontro, no sentido "de que agora xa temos información de cal é o proxecto de Navantia, como serán as instalacións de Ferrol e poderemos facer unha análise a fondo das súas repercusións para a comarca".