A CIG requírelle ás auxiliares de Navantia que apliquen xa o convenio do metal ao persoal dos estaleiros
A CIG-Industria de Ferrolterra vén de iniciar unha campaña para requirirlle ás empresas auxiliares que apliquen xa o convenio colectivo de siderometal da Coruña a todo o persoal que teñen destinado dentro dos estaleiros de Navantia, instando a aquelas industrias que aínda non o fan a realizar as modificacións oportunas neste sentido e trasladándolles a disposición da central sindical "para clarificar calquera cuestión a este respecto".
A Federación de Industria lembra que a integración no convenio provincial dos acordos salariais para as auxiliares do naval da Ría de Ferrol foi publicado o pasado 31 de decembro no BOP da Coruña, polo que estes acordos xa teñen plena eficacia. Lograr esta incorporación no convenio, que só foi posíbel grazas a determinación e a loita constante dos traballadores/as na defensa dos seus dereitos, veu rematar co grave conflito social nos estaleiros de Navantia, a causa do incumprimento unilateral por parte das empresas dos acordos de 2001.
Un dos obxectivos deste acordo, ademais dar estabilidade e unificar as condicións do persoal, é eliminar a competencia desleal que se dá entre as auxiliares cando presentan ofertas aos concursos de Navantia, a conta de rebaixar os salarios dos traballadores/as. "Os sindicatos que asinamos este acordo fixémolo en representación de todo o persoal da industria auxiliar de Navantia, independentemente do sector de actividade concreto no que presten os seus servizos, e polo tanto, temos a abriga de pular pola súa aplicación universal, ademais de puntual", subliñan.
Por iso, a CIG-Industria vén de comezar esta campaña encamiñada a detectar aquelas empresas que teñen persoal traballando dentro do recinto do estaleiro, pero que continúan a aplicar convenios colectivos diferentes, "coa finalidade de poder reconducir esta situación e acadar un marco laboral dentro do estaleiro perfectamente unificado dentro do convenio provincial do metal". Así, a CIG tense dirixido xa a Kafer Servizos Industriales, Fernández Jove e Aislamientos Soamar.
Neste senso, a central sindical lémbralle ao empresariado que as actividades auxiliares da construción naval fan parte do ámbito funcional de aplicación deste convenio provincial desde hai moitos anos "polo que non van atopar atranco legal ningún para levar a cabo esta modificación, senón todo o contrario".