CIG-Industria reclama investimentos nos estaleiros de Fene e Ferrol para garantir a actividade construtiva e de reparacións
Diante do inminente derrube das gradas do estaleiro de Fene, a Federación de Industria da CIG Ferrol quere manifestar o seguinte:
1.- A importancia económica e social que para a comarca de Ferrolterra teñen os estaleiros da Ría está fóra de toda dúbida.
Cando neles se constrúen e reparan barcos, a nosa economía mellora substancialmente.
2.- A construción naval mudou moito nos últimos anos. O xeito co que se facían os petroleiros aló polos anos 70 nada que ten que ver cos novos sistemas cos que se constrúen actualmente os grandes buques e, xa que logo, as gradas da antiga Astano, a máis de estar moi deterioradas polo paso do tempo, de pouco servirían a día de hoxe.
3.- Sabemos que en breve se van derrubar para deixar espazo libre aos novos proxectos de eólica mariña. Somos moi conscientes dos moitos e moi necesarios postos de traballo que estes proxectos xeraron e van xerar nun futuro inmediato e do importante que é a diversificación para a viabilidade e medre dos estaleiros, pero en ningún caso poden desprazar ou relegar a construción e reparación naval. Ámbalas dúas actividades teñen que ser compatíbeis.
4.- É imprescindible que se fagan investimentos nos dous estaleiros. A necesidade de grandes e modernos diques nos que se poidan reparar ou construír buques resulta vital se queremos seguir competindo nun mercado mundial en alza. En moitas ocasións, as navieiras téñense visto na obriga de mandar os seus barcos a outros estaleiros porque os nosos non dispuñan dun dique libre onde reparalos.
5.- Desde a Federación de Industria da CIG Ferrol esiximos á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado que se leven adiante as actuacións precisas para a construción dun novo dique na área de reparacións e outro na de novas construcións. Isto faría que os nosos estaleiros fosen moito máis punteiros e modernos e permitiríalles competir en calquera mercado ao que optasen. Tanto a Xunta como o Goberno español coñecen estas necesidades e, de non facelo, estarían outra vez discriminándonos en beneficio doutros estaleiros do Estado.
A economía da comarca segue a depender de Navantia Fene e Navantia Ferrol. Apostemos por elas.