CIG-Industria lanza unha campaña contra o Convenio Estatal do Metal asinado por CCOO, UGT e CONFEMETAL
Diante disto, Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional de CIG-Industria, e Manuel Simón, secretario de Negociación Colectiva da federación, compareceron este xoves en rolda de prensa para explicar as consecuencias deste convenio, anunciar a súa impugnación para intentar botalo abaixo e informar da campaña que a federación vén de pór en marcha para “desenmascarar o que significa”.
Para iso, Manuel Simón explicou que no mes de outubro a CIG recibiu unha convocatoria de CONFEMETAL para unha xuntanza na que a patronal comunicou a súa intención de negociar un convenio estatal do sector do Metal “aproveitando as reformas laborais, porque meses despois ía haber un cambio de goberno e se cadra derrogaban esa lexislación”.
Nesa xuntanza a CIG transmitiu a súa posición en contra desa lexislación laboral, moi prexudicial para as e os traballadores, a súa oposición a negociar a toda presa e a súa disconformidade a ir a un convenio estatal do sector. “Fronte a isto propuxemos esperar polo posible cambio de goberno xa que todos os partidos políticos a excepción do PP dicían que ían reformar esas leis”.
No mes de marzo a CIG foi convocada a unha xuntanza en Madrid onde se lle fixo entrega do texto dun convenio que tiñan xa redactado e acordado para a súa sinatura CCOO, UGT e a patronal e ao que se opuxo a CIG.
Para a CIG-Industria a sinatura deste convenio estatal é un paso máis da patronal e as centrais sindicais españolas para eliminar os convenios provinciais porque, segundo explicou Manuel Simón, deixa cada vez menos materias a negociar, que son asumidas por eles desde Madrid e que afectan a modalidades de contratación, períodos de proba, clasificación profesional, número de xornadas de traballo, réxime disciplinario, normativa en prevención de riscos laborais, mobilidade xeográfica, formación e cualificación profesional, entre outras.
O secretario de Negociación Colectiva de CIG-Industria explicou ademais que se crea unha comisión paritaria que pode vir a calquera convenio e asinalo se as partes non se poñen de acordo nun ano, independentemente da representación sindical que teñan. “Resérvanse para poder negociar en Madrid no momento que eles queiran: salarios, vacacións, permisos e licenzas, ordenación da xornada, mobilidade funcional, promoción e ascensos…”
Medidas que, denunciou, teñen como obxectivo dinamitar os convenios provinciais e que entende que “nos debilitan aos traballadores/as, deixándonos sen poder de decisión porque pasan a decidir as cúpulas en Madrid”. Unha situación especialmente grave, segundo o secretario de Negociación Colectiva, porque “se nos está coartando a función fundamental, que é o sindicalismo, e o que son as asembleas de traballadores/as, para que sexan eles os que decidan as súas condicións de traballlo”.
Para ilustrar esta situación explicou que cando foi a sinatura deste convenios “os líderes de CCOO e UGT tiñan a plataforma da empresa, que puxo a patronal enriba da mesa, pero os que foron de Galiza non tiñan nin idea do que se ía asinar”. Tal foi así que segundo Simón “falando cos secretarios nacionais de Negociación Colectiva de CCOO e UUGT de Galiza, non sabían nin ao que ían, nin nada, iso si, aos dez minutos pasan o papeliño a asinar e asinaron como obedientemente se lles manda desde as cúpulas”.
Campaña contra a convenio
O secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas sinalou que a federación pon en marcha unha campaña para explicar o que significa esta negociación de cúpulas, onde todo se amaña entre a gran patronal e os sindicatos estatais creando así o marco ideal para recortar dereitos e salarios. “Até o de agora a negociación máis preto dos centros de traballo levaba consigo que había mobilizacións, había asembleas de traballadores/as e polo tanto a negociación era moito máis viva”.
Unha vez asinado o convenio a CIG-Industria distribuirá nas asembleas de delegados/as, que xa comezou a convocar, e en asembleas nos centros de traballo, información a todos e cada un dos traballadores e traballadoras. “Queremos facer unha campaña intensiva e agresiva, para que saiban o que significa este convenio e que o utilizan para desmobilizar e afastar a negociación para que así non saiban o que se está acordando”.
Bouzas indicou que a intención da federación é convocar, logo do aproximadamente mes e medio que dedicarán a asembleas e informar, mobilizacións para darlle un toque der atención á patronal galega e para reclamar, máis unha vez un convenio galego do metal -dentro dun Marco Galego de Relacións Laborais- onde se puidera unificar o sector e a normativa laboral. “Sería bo para os traballadores/as e para a propia patronal, porque se evitaría dese xeito que empresas de fóra que teñen convenios máis baixos que no país veñan facer competencia desleal ás empresas galegas”.
Tarxeta Profesional
Na rolda de prensa os representantes de CIG-Industria denunciaron ademais que con este convenio se acordou implantar e xestionar a actual Tarxeta Profesional para o todo o sector do metal (TSM) e a formación preventiva de riscos laborais para o sector, con cursos dun mínimo de 20 horas. “Isto quere dicir que todos os traballadores/as teremos que pagarlle a estas organizacións máis de 100€ por curso, como xa ocorre no sector do naval e na construción”, aseguraron.
Ao seu entender, deste xeito preténdese blindar o modelo formativo e garantir que seguen recibindo cartos públicos para financiarse.