A CIG insta unha xuntanza o vindeiro martes para avanzar na recuperación dos acordos das auxiliares do naval
A CIG-Industria vén de remitir comunicación á representación das empresas do naval e ás demais organizacións sindicais instando unha nova reunión da mesa de negociación para o vindeiro martes, 26 de xuño, para abordar a recuperación e aplicación dos acordos de 2001 na industria auxiliar de Navantia.
Dende a Federación de Industria agardan recibir confirmación da xuntanza ou, cando menos, proposta dunha data alternativa para poder realizar esa reunión, pois hai máis de un de mes que a patronal puxo enriba da mesa unha oferta para a recuperación dos acordos de 2001 insuficiente, mais dende entón nin se trasladou unha proposición mellorada nin se produciron máis contactos.
"Queremos insistir, máis unha vez, na necesidade de recuperar eses acordes como marco salarial estábel para todo o persoal da industria auxiliar, para evitar ter que andar a negociar continuamente o salario, e sobre todo camiñar cara un nivel retributivo digno polas 8h, que contribúa a non depender das horas extras para completar o salario", subliñan.
Así mesmo, lembran que unha vez se consiga pechar o conflito pola recuperación dos acordos, a mesa de negociación entre empresas e sindicatos deberá abordar outras cuestións relevantes e urxentes para o sector como a seguridade e saúde, a formación ou a subcontratación.
Responsabilidade de Navantia
CIG-Industria de Ferrol apela tamén á responsabilidade da dirección de Navantia e dos/as novos/as responsábeis políticos/as, "para tomar cartas no asunto e rematar cos abusos que se cometen todos os días co persoal da industria auxiliar, a comezar polos efectos que a eventualidade estrutural que se padece no sector ten sobre o salario, e as demais condicións de traballo".