CIG-Industria insta a Xunta a facer as xestións necesarias para garantir que As Pontes teña concurso de transición xusta
A CIG-Industria trasladoulle á Consellaría de Economía a preocupación polo futuro industrial das Pontes, toda vez que non está previsto ningún concurso público de transición xusta para a localidade. A central nacionalista manifestou a necesidade de manter a capacidade de evacuación á rede, xa que este é o mellor e único garante para que se materialicen proxectos industrias nas Pontes; así como seguir apostando polo concurso público de transicións xusta porque obrigaría a efectivizar os proxectos presentados "e non estar na incerteza dos anuncios empresariais que non obrigan a nada".
Así llo trasladaron o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, e o representante da CIG no comité de crise e na Mesa das Pontes, Alberte Amado, durante a xuntanza mantida na tarde de onte no edificio de San Caetano. A reunión coa Consellaría fóra solicitada polas tres organizacións sindicais para avaliar a situación actual da Central Térmica e os proxectos de futuro que poden asentar na localidade.
No encontro, a CIG-Industria reiterou a preocupación ante o cambio do criterio técnico do MITECO -sen explicación ningunha e que está a executar REE-, que supón que non haxa poxa pública de transición xusta nas Pontes unha vez pechada a central térmica, ao non xerarse ningún MW. Esta circunstancia compromete os proxectos enerxéticos anunciados até o momento, que dificilmente se poderán materializar se As Pontes non ten asignada capacidade de evacuación.
A necesidade da poxa pública
Aínda non estando de acordo cos termos formais da poxa, a importancia dos concursos públicos evidénciaa o caso do nó de Mudejar, actualmente en fase de adxudicación, que xestiona os 1200 MW liberados tras o peche da central térmica de Endesa en Andorra (Teruel). A este concurso público téñense presentado 11 proxectos de diferentes empresas enerxéticas e todos levan asociados actuacións no ámbito industrial, de xeración de emprego e de potenciación da economía da zona.
Pero as obrigas que conleva o concurso público, mesmo de carácter económico xa que se teñen que presentar avais antes da poxa, quedarían en cuestión de non outorgarse capacidade de acceso de evacuación á rede. A este respecto, a CIG-Industria subliña que non sería entendíbel socialmente que, ao peche a central térmica, eses 1400MW que agora ten asignados As Pontes, desaparezan. "Manter a capacidade de evacuación constitúe a principal garantía industrial para a comarca", sinalaron.
Por iso, a CIG reclámalle ao MITECO e REE que As Pontes teña asignada capacidade de evacuación, non desaparezan eses MW, e que o territorio sexa compensado con proxectos directos que estean na localidade e fagan uso desa evacuación; unha demanda que dende a Xunta de Galiza xa se ten manifestado tamén ante a ministra de Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
Nesta liña, Bouzas e Amado salientan que abrir o proceso de modificación da planificación eléctrica e o investimento na rede é unha demanda prioritaria para o noso país, "que tamén se lle trasladamos á Xunta de Galiza e que comparte con nós".
Proxectos de Endesa
Sobre os proxectos eólicos presentados por Endesa (que teñen preasignados 611MW), a CIG-Industria demandou información sobre os compromisos de xeración de emprego, no ámbito social e de economía local que acompañan á solicitude, posto que xa contan cunha aceptación inicial por parte da Xunta de Galiza, malia que aínda teñen pendente a autorización administrativa do MITECO.
A CIG insiste, unha vez máis, no seu compromiso para que todos estes temas se poidan tratar na Mesa das Pontes e que a Xunta volva instar o MITECO a convocala. Dende a administración galega coincidiron coa valoración da necesidade de reunir a Mesa ao existir contido suficiente para negociar, e neste senso, a Xunta dixo que xa fixeron esta solicitude varias veces, mais sen obter resposta.