CIG-Industria inicia no Parlamento a rolda de entrevistas institucionais en demanda de apoio para os estaleiros da ría de Ferrol
Na xuntanza participaron o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, os membros da sección sindical da CIG de Navantia de Ferrol, Marcelo Amado, de Fene, Emilio Salorio e os deputados nacionalistas Francisco Jorquera e Carme Adán, que se comprometeron a seguir traballando, como lembraron que vén facendo o BNG desde hai décadas, en defensa do sector naval e, nomeadamente, dos estaleiros de Fene e Ferrol.
Os representantes da CIG-Industria transmitiron a súa preocupación pola grave situación que atravesa o sector naval na ría de Ferrol. Unha situación que arrastra desde hai máis de 3 décadas nun proceso de progresivo desmantelamento dos estaleiros e que está a ter graves repercusións, polo seu carácter estratéxico, na economía dunha comarca cada vez máis empobrecida, cos máis elevados niveis de desemprego de Galiza e con cada vez máis altas taxas de emigración e de emerxencia social.
Xunto a isto explicaron que a carga de traballo, fronte á propaganda que se lanza en cada campaña electoral, é “practicamente inexistente”. Alertaron de que todos os investimentos que se están facendo neste momento “están dirixidos a cargarse o sector na ría de Ferrol” e que aínda habendo compromisos positivos de carga de traballo no sector eólico, “nin temos a tecnoloxía, o que nos fai dependentes, nin xera I+D, nin é man de obra directa do estaleiro a que se emprega”.
Advertiron que a carga de traballo actual para o cadro de persoal principal remata no verán e manifestaron a súa preocupación polo Plan de Restruturación co que se pretende redefinir Navantia. Un plan que cualificaron de “Axuste” e que reduciría a 1.300-1.500 traballadores/as o persoal en todo o Estado.
En todo caso, explicaron que descoñecen os pormenores dese plan, porque por máis que o demandaron non lles foi remitido nin explicado e expresaron o seu temor de que teña como obxectivo converter Navantia nunha empresa de síntese con subcontratación do persoal.
Para a CIG-Industria, nun momento como este, de alta demanda de gaseiros a nivel mundial e de saturación da capacidade produtiva dos estaleiros chineses e coreanos Navantia tiña que apostar por conseguir contratos para a súa construción, o que si permitiría garantir carga de traballo, emprego e futuro os estaleiros de Fene e Ferrol.
Os representantes da federación de Industria entregaron aos deputados nacionalistas un documento no que sintetizan as súas demanda que pasan por garantir a titularidade pública de todos os centros de traballo de Navantia da ría de Ferrol; impulsar un Complexo Integral que abranga todos os ámbitos da construción naval (civil, militar, reparacións, fabricación de bens de equipo, potenciación de turbinas, OFF-Shore, eólica mariña e resto de enerxías renovábeis…) e que este sector sexa defendido como estratéxico en Galiza.
Lei do Sector Naval
Xunto a isto a CIG-Industria considera imprescindíbel que se dea cumprimento á Lei do Sector Naval de Galiza aprobada polo Parlamento galego coa participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia; un reparto non discriminatorio na carga de traballo do grupo, que teña en conta as capacidades dos estaleiros da Ría unha vez rematado o veto, así como o contexto de desemprego existente nos concellos da comarca e que se dote inmediatamente de carga de traballo os estaleiros da ría, garantindo a plena rendibilidade das instalacións.
A este respecto subliñaron que a carga de traballo non é equitativa entre os distintos estaleiros xa que se van construír todos no Sur e no Norte só partes. “Só así se faría efectivo o levantamento do veto e a volta á construción civil, ao ver construído un petroleiro completo nas gradas da antiga Astano”, concluíu Bouzas.