CIG-Industria Ferrol solidarízase co persoal das auxiliares de Navantia Cádiz e rexeita a represión sindical

Ferrol - 17 Abr 2026

A federación de Industria da CIG-Ferrol quere amosar  todo o seu apoio e solidariedade co persoal da industria auxiliar de Navantia en San Fernando, Cádiz, pola súa loita a prol dun dereito fundamental como é a liberdade sindical.

“Estamos a falar de compañeiros e compañeiras que sofren represalias polo feito de defender os seus dereitos, algo que poida parecer inconcibíbel actualmente pero que segue á orde do día en pleno século XXI”, denuncia a CIG-Industria.

Engaden que loitar na defensa dun dereito fundamental “pode semellar algo anacrónico pero, por desgraza, quen pense que é un dereito consolidado e inamovíbel, comete un erro”.

A CIG-Industria lembra que o persoal da industria auxiliar do naval en Ferrol “coñece moi ben o que son as listas negras”, xa que ten sufrido a represión das empresas por defender os seus dereitos. Rexeitan que persoas traballadoras teñan sido cualificadas de “conflitivas” polo mero feito de presentarse en candidaturas da CIG e sexan menosprezadas non  pregarse ás directrices da patronal. “E todo isto ao abeiro dunha empresa pública, Navantia, que debera de ser moi escrupulosa á hora de facer respectar as condicións laborais  tanto do persoal propio como do persoal das empresas que para ela traballan”.

É por isto polo que a CIG-Industria Ferrol traslada todo o ánimo e apoio a estes compañeiros e compañeiras. “Sabemos o que son as listas negras, coñecemos a represión sindical e nos resulta absolutamente inconcibíbel que unha empresa pública permita este tipo de prácticas fascistas. A loita continúa”.