CIG-Industria entrevistarase cos grupos parlamentarios, o conselleiro de Industria, Navantia e a SEPI
A CIG-Industria asegura que lonxe dos anuncios mediáticos que falan dunha elevada ocupación, agás na área de reparacións, a carga de traballo en Fene e Ferrol está limitada ao que resta do flotel, ao Buque de Acción Marítima en permanente atraso, e ás plataformas para a eólica mariña. Unhas obras que ocupan de media a unhas 200 persoas.
Entende que esta imaxe mudaría radicalmente asignando ás instalacións da ría de Ferrol a construción integral da metade dos petroleiros para Ondimar o que suporía certificar o levantamento do veto á antiga Astano, que na práctica segue vixente. Ademais, implicaría ter que dotar de persoal á empresa principal e xeraría, segundo os seus cálculos, unhs 1.000 empregos na industria auxiliar.
Para conseguilo considera que a Xunta de Galiza debería implicarse a fondo na defensa do naval, un sector produtivo considerado estratéxico para a economía do noso país. Por iso demanda do Goberno de Feijoo que cumpra co estabelecido na Lei do Sector Naval de Galiza (aprobada por unanimidade no Parlamento no ano 2010) e negocie a entrada inmediata da Xunta no Consello de Administración de Navantia.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi entende que estar no Consello de Navantia permitiría ter información de primeira man sobre a situación e os plans da empresa e que así a Xunta podería pelexar desde dentro pola carga de traballo para Fene e Ferrol.