CIG-Industria desenvolve unha acción solidaria co despedido de Cumegal denunciado por pegar carteis contra a represión sindical
Dende a CIG-Industria de Ourense explican que a protesta foi convocada en solidariedade co traballador de Cumegal despedido tras presentarse ás eleccións sindicais na candidatura da central, que foi denunciado recentemente polo xerente da empresa por ter pegado carteis e repartido panfletos rexeitando a represión sindical que padeceu na empresa.
A concentración tivo lugar este luns diante do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, situado na Praza Maior de Ribadavia, onde se celebrou o acto de conciliación, que rematou sen acordo entre as partes. Alí despregaron unha faixa co lema “Non á represión en Cumegal” e berraron consignas rexeitando a actitude da empresa. Dende a central adiantan que continuarán coas mobilizacións e coa campaña de denuncia contra a represión sindical que se vive na compañía.