CIG-Industria denuncia que se están facendo xornadas de até 16 horas nas obras da plataforma Terranova II
A CIG-Industria de Ferrol denuncia a "obscena" cantidade de horas extraordinarias que se están a facer na área de reparacións de Navantia Ferrol, nomeadamente nos traballos da plataforma Terranova II.
A federación de Industria tivo coñecemento de que determinadas empresas obrigan o seu persoal a facer xornadas mesmo de 16 horas continuadas, descansando só seis horas e retomando a faena outras 16. A este ritmo, hai operarios que superan as 90 horas semanais, tendo que traballar sábados, domingos e festivos, algo que a ademais de ser ilegal, "raia xa na inhumanidade".
Para a CIG resulta gravísimo que aínda se poidan dar este tipo de situacións de explotación, pero aínda resulta máis inconcibíbel que isto aconteza nunha empresa pública "mentres os seus responsábeis, sendo perfectamente coñecedores dos feitos, miran cara a outro lado".
Este exceso de xornada afecta incluso a persoal operador de guindastre; é dicir, "persoal que manipula maquinaria da que penden as vidas de moitos traballadores e traballadoras".
A CIG-Industria subliña que os atrasos na obra son debidos á mala planificación e á falta de persoal e non xustifican en ningunha circunstancia que os traballadores e as traballadoras teñan que poñer en risco as súas vidas. "Se os traballos non van todo o rápido que se pretendía, o que hai que facer é contratar máis persoal", aseveran.
Explotación baixo supervisión dunha empresa pública
Neste senso, a central denuncia que nesta plataforma, que supostamente viña paliar a crítica situación de falta de carga de traballo na que se atopaba o sector naval, non só non se están a cumprir as expectativas xeradas, "senón que mesmo se están a vulnerar os dereitos fundamentais de quen nela traballa, e co beneplácito da dirección da área de reparacións de Navantia. Isto é algo que non se pode tolerar en ningún caso, pero resulta gravísimo que aconteza baixo a supervisión dunha empresa pública".
A CIG xa puxo estes feitos en coñecemento da Inspección Provincial de Traballo e levará adiante todas cantas accións sexan precisas para impedir que na Terranova II "se siga a supeditar a vida dos traballadores/as aos prazos de entrega".