CIG-Industria demanda que se esclarezan as causas do accidente mortal na refinería de Repsol
A CIG-Industria lamenta profundamente o accidente mortal ocorrido na refinería de Repsol o pasado sábado e manifesta o total apoio e solidariedade á familia do traballador falecido. A central sindical demanda que se esclarecen os feitos na comisión de investigación aberta este mesmo luns e se traslade toda a información a este respecto con absoluta transparencia.
De igual xeito, a CIG insta a convocatoria inmediata da comisión intercontratas creada a raíz do anterior accidente mortal para investigar tamén neste marco cales foron as causas do sinistro, que medidas preventivas se estaban a adoptar e corrixir calquera deficiencia detectada para evitar que se repita no futuro.
Un dos obxectivo desta comisión era, precisamente, abrir unha interlocución directa entre Repsol e as súas auxiliares para detectar, adoptar e pór en marcha todas as cuestións relativas á prevención e ás medidas de seguridade que garantan a integridade física de todos os traballadores e traballadoras da refinería. Repsol, como empresa principal, é a responsábel de coordinar todas as medidas preventivas, investigar o acontecido para esclarecer as causas e pór a disposición das súas contratas os medios e protocolos necesarios.
Este é o segundo accidente mortal rexistrado en menos de sete meses na refinería. Dende a CIG-Industria seguimos a demandar que se fagan os investimentos e se tomen as medidas suficientes para frear a sinistralidade laboral no complexo. Neste sentido, propoñen que se investigue até as últimas consecuencias as causas do accidente. Por parte da CIG-Industria levaranse adiante as accións sindicais e legais que sexan oportunas para depurar responsabilidades.