A CIG gaña as eleccións sindicais en Eleuterio López y Cía, do grupo Monbus

Nos dous procesos electorais celebrados desde a folga da Coruña a representación foi para a CIG
Santiago de Compostela - 29 Abr 2026

Coa totalidade dos votos, nas eleccións celebradas este martes, a CIG obtivo un novo delegado no grupo Monbus no centro de traballo que esta empresa ten na comarca de Santiago e Ribeira. Dáse a circunstancia de que desde que se desconvocou a folga do transporte de persoas viaxeiras da provincia da Coruña, nos dous procesos celebrados, o delegado escollido foi da CIG. O anterior foi en Mantenimientos y Servicios Galicia, no centro de traballo da billeteira de Monbus na Estación Intermodal de Santiago.

Desta maneira, valora a FGAMT-CIG, “segue viva a resposta ao atropelo que supuxo o indigno e escuro acordo entre UGT, CCOO e unha patronal sometida a Raúl López. E todo isto prodúcese ademais nun clima de amedrentamento por parte da dirección de Monbus, que segue sen retirar moitas das sancións e descontos irregulares pola folga, que están a ser recorridas nos xulgados”.

O sindicato denuncia que hai ducias de persoas sancionadas e varios despedimentos para volver impoñer o medo. “Pero á vista dos resultados cada vez son máis os traballadores e traballadoras que xa perderon o medo a defender os seus dereitos”.

Cómpre salientar que Monbus impugnou e dificultou a celebración destas eleccións sindicais en Eleuterio López y Cía, alegando que eran varios centros de traballo diferentes e autónomos e que ningún deles tiña 6 persoas traballadoras. “Para iso empregou Monbus as UTE, para deixar o persoal das XG sen representación sindical, ademais de para realizar unha fraude cos contratos públicos, polo que xa foi condenado”, advirte a FGAMT-CIG. Neste caso a Inspección de Traballo xa lle deu á razón ao sindicato, nun laudo arbitral que Monbus recorreu no xulgado, “que agardamos que confirme tamén que todo é completamente legal”.

Neste momento, tamén están en marcha as eleccións sindicais en Empresa Monforte, do mesmo grupo Monbus, e xa comezaron as presións para favorecer candidaturas de CCOO e UGT fronte á da CIG. Neste contexto, a central nacionalista anima a non deixarse levar por estas presións e a participar e votar en conciencia pensando quen vai defender mellor os dereitos laborais.