A CIG-Ferrol apoia e anima a participar na manifestación pola modernización e a mellora do servizo de tren

O próximo domingo 30 de novembro, ás 12h, dende a estación de ferrocarril
Ferrol - 28 Nov 2025

A Unión Comarcal da CIG de Ferrol compareceu este venres en rolda de prensa, xunto con membros do Foro cidadán polo ferrocarril, para amosar o seu apoio e animar a toda a cidadanía a participar na manifestación convocada polo colectivo social para o vindeiro domingo, 30 de novembro, con saída ás 12 horas da estación de tren.

O secretario comarcal da CIG, Xoán Galdo, denunciou que Ferrolterra, Eume e Ortegal “non podemos seguir cunhas infraestruturas ferroviarias propias do século XIX, e exiximos aos gobernos uns medios de transporte eficaces, eficientes, sustentábeis, que dean resposta ás necesidades da cidadanía e que vertebren o noso territorio”.

Diante do histórico abandono que sofre as comarcas en materia ferroviaria por parte dos diferentes goberno do Estado e a inacción da Xunta de Galiza, reclamou actuacións urxentes sobre unha infraestrutura “completamente ineficiente e obsoleta”.

Galdo reivindicou a revitalización e a mellora da liña Ferrol-Ortigueira “para termos saída polo norte e así vertebrar o norte da Galiza”; e modernizar a liña Ferrol-A Coruña, “solucionando e poñendo a andar, dunha vez, o proxecto do “by-pass” de Betanzos”.

Xunto a isto, o responsábel da CIG de Ferrol demandou un incremento das frecuencias e adaptar os horarios ás necesidades reais da poboación, creando un servizo de proximidade tanto na liña Ferrol-Ortigueira como na Ferrol-A Coruña, co traspaso posterior á Xunta de Galiza.

A CIG leva anos denunciando o déficit histórico de infraestruturas na comarca e reclamando solucións aos gobernos, polo que chama a toda a veciñanza a participar nesta mobilización para reivindicación un servizo de tren do século XXI.