CIG-Ferrol alerta de presións ao persoal das auxiliares para ir á votación convocada por CCOO, UGT e MAS

Moitos/as traballadores/as dirixíronse á CIG para denunciar irregularidades no proceso
Ferrol - 20 Out 2017

A Unión Comarcal da CIG de Ferrol alerta das presións e coaccións que os empresarios da industria auxiliar de Navantia están exercendo sobre os seus traballadores e traballadoras para que participen na convocatoria de referendo feita polas centrais sindicais CCOO, UGT e MAS, a respecto da continuidade ou suspensión da folga. As empresas, apunta, están instando ao persoal a ir votar mediante chamadas, envío de correos, etc.

Xunto a isto, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal, informa que son moitos os compañeiros e compañeiras que se dirixen á central nacionalista para denunciar as irregularidades que detecta no desenvolvemento do proceso". Neste senso, reitera que a CIG "nin somos convocantes, nin participamos dese proceso, todo o contrario, o noso chamamento foi a non participar e esixirlle aos sindicatos convocantes primeiro, un debate nas portas das factorías, e logo votar sobre as posturas de cada quen".

Entre esas irregularidades denunciadas, engade Grandal, resulta moi significativa a que ten a ver coa confección dos censos, "inflados nalgunha das empresas, permitindo exercer o voto a persoas que nunca pisaron o estaleiro, mentres, pola contra, compañeiros e compañeiras que levando meses dentro do estaleiro non aparecen en ditos censos e polo tanto non poden participar".

 

Denuncian que o censo de Electrorayma incluía a todo o persoal

Sobre as irregularidades o presidente e o secretario do comité de empresa de Electrorayma, saíron publicamente a denunciar que o censo de traballadores/as utilizado na votación (que se celebrou no Centro Cultural Carvallo Calero) incluída a totalidade do cadro de persoal (109 empregados/as). Polo que se permitiu a participación de traballadores/as que nunca operaron dentro das instalacións de Navantia Fene-Ferrol.

Segundo explican, tamén se incluíu no censo ao persoal da estrutura da empresa, administrativos/as, persoal de RRHH, pañoleros do almacén, enxeñería, persoal de compras, etc. "Traballadores estes que non prestan os seus servizos nos esteleiros da comarca, non secundaron a folga, non perderon un só día dos seus salarios e non son afectados/as polos acordos de 2001", subliñan.

Ambos representes sinalan que o censo de compañeiros e compañeiras que na actualidade vén prestando servizos no recinto de Navantia Fene - Ferrol é aproximadamente de 20 traballadores/as.

"Queremos denunciar tamén que os promotores desta votación en ningún momento se puxeron en contacto co comité de empresa de Electrorayma para consensuar o censo real dos operarios/as que prestan servizos nas instalacións de Navantia, e simplemente usaron un censo da totalidade do cadro de persoal entregado pola dirección da empresa", engaden.

Dúbidas sobre o resultado

No comunicado critican que non se permitiu aos compañeiros desta empresa estar presentes no momento do reconto dos votos, "feito que nos fai dubidar seriamente da veracidade do resultado publicado".

Tamén expresaron as súas dúbidas a respecto da legalidade de ter expostos os datos de todo o persoal de Electrorayma nas paredes do Carvallo Calero, "no que aparecían datos como o documento nacional de identidade".

"Tampouco temos coñecemento do destino final do censo de persoal da nosa empresa: se foi destruído ou se pode estar nas mans da propia dirección da empresa, sabendo que traballadores/as votaron e que traballadores/as non; ou se está nas mans dos sindicatos convocantes", indican.