CIG-Ensino traslada o seu apoio ás demandas da comunidade educativa do CEIP Santa Eulalia de Dumbría

Cee - 06 Set 2022

A CIG-Ensino manifesta o seu apoio á comunidade educativa do CEIP Santa Eulalia de Dumbría na súa xusta reclamación dun/ha profesor/a titor/a a tempo completo, tal e como lle corresponde no catálogo do centro. A CIG tamén apoia e chama a participar na concentración que FEDANPAS ten convocada para mañá mércores, 7 de setembro, ás 20h na Praza 8 de Marzo de Cee.

No seu momento, a CIG-Ensino denunciou diante da Xefatura Territorial da Coruña a pretensión de converter unha praza de Educación Primaria do CEIP de Dumbría en itinerante co CEIP Praia de Quenxe de Corcubión.

Na reunión con Xefatura do Servizo de Inspección na que se negociaron as vacantes provisionais, a central sindical advertiu que ese solución non era adecuada, dado que o CEIP de Dumbría é un colexio pequeno que necesita de todos os seus efectivos estabelecidos legalmente, máis cando xa ten sufrido recortes en anos anteriores que fan moi difícil  impartir un ensino cun mínimo de calidade. Ademais, a proposta da Consellaría non soluciona as necesidades do CEIP Praia de Quenxe.

Esta mesma situación está a vivirse en centros de todo o país nun comezo de curso que pon de manifesto o abandono que fai a Consellaría de Educación do ensino público. Por todo isto a CIG convoca, xunto coa Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, unha concentración para este mércores 7 de setembro, ás 11:30h diante da propia Consellaría en Santiago de Compostela. A CIG fai extensiva esta convocatoria ás familias e ao profesorado para que se manifeste nos centros de ensino a esa mesma hora.