CIG-Ensino traslada ao Ministerio a necesidade de reforzar as universidades públicas e o seu persoal
A CIG-Ensino reuniuse por videoconferencia este xoves cunha representación do Ministerio de Universidades para un intercambio de pareceres ao redor dunha serie de cuestións que o Ministerio trasladou para a futura redacción dunha nova lei que substituiría á actual LOU. Amosou ademais a súa preocupación pola grave carencia lexislativa que permite autorizar a creación de universidades privadas sen os máis mínimos niveis de control nun sector, o das ensinanzas superiores, que se contempla como un mercado de titulacións e un negocio lucrativo no que o poder político se pon ao servizo dos intereses empresariais e de mercado.
Neste sentido, o secretario nacional, Suso Bermello, considerou que é unha realidade xa moi estendida polo estado español e que agora Feijóo pretende blindar en Galiza co novo agasallo a Escotet e Abanca. Que unha proposta de titulacións redundante e innecesaria para o sistema universitario galego poida ser aprobada é un exemplo dun enorme déficit de control público, estatal e galego.
Dúbidas sobre o proceso para unha nova lei universitaria
Respecto da intención do Ministerio de presentar unha nova Lei (LOSU) destacou as dúbidas do sindicato diante dun proceso que parece demostrar certa improvisación e falta de criterio por parte do Ministerio xa que no verán de 2020 entregaron ás organizacións sindicais senllos borradores dunha reforma da LOU (LOMLOU) e dun novo Estatuto do PDI.
“Chegaron a celebrarse dúas reunións e mesmo contamos con respostas do Ministerio ás diferentes achegas sindicais, no que semellaba naquela altura como uns documentos articulados que ían tomar corpo enseguida. Todo aquilo quedou parado e meses despois o Ministerio remitiu a diferentes colectivos (sindicais, políticos, sociais) un documento aberto con cuestións sobre unha nova Lei que motiva esta reunión. Todo isto fai que nos cuestionemos que se poidan levar adiante os cambios e en que prazos”, explica Bermello.
O Ministerio de Universidades confirmou un cambio nas liñas de traballo que levou a que o que inicialmente eran dúas propostas (ordenación do PDI e reforma da LOU) se transformase nunha nova Lei que prevén levar ao Consello de Ministros e Ministras no outono cun prazo de tramitación non inferior a un ano, o que implicaría, segundo os seus cálculos, que puidese estar aprobada en outono de 2022.
Para a CIG-Ensino a LOSU (Lei Orgánica do Sistema Universitario) que pretende presentar o goberno debe formularse como unha regulación de mínimos da estrutura organizativa das universidades, para respectar as competencias autonómicas e a propia autonomía universitaria e superar a actual uniformidade que supón moitas disfuncionalidades xa que non se parte da realidade de cada universidade (polo seu tamaño ou dispersión de campus, sen ir máis lonxe).
Democracia e participación
A CIG-Ensino reafirmou na reunión a aposta do sindicato por manter a elección da persoas á fronte da Reitoría por sufraxio universal e co voto ponderado polos diferentes sectores, amosando a súa oposición a calquera cambio neste sentido que puidese limitar a vontade democrática da comunidade universitaria.
Tamén se incidiu na posibilidade de incorporar nunha futura lei a revitalización da participación pola vía da extensión da elección por sufraxio universal e voto ponderado de decanatos ou xefaturas de departamento, prestando unha especial atención á presenza de mulleres nos cargos de xestión e a limitación de mandatos. Solventar os actuais déficits de participación, a superposición de órganos, a estrutura dos Consellos de Goberno ou o papel do Claustro foron outros temas expostos pola CIG-Ensino.
Neste sentido Bermello lembra que “episodios como os vividos en Galiza co bochorno no uso partidista das presidencias dos Consellos Sociais para favorecer o visto bo á creación da universidade de Abanca reforzan a nosa demanda de que quen ocupen este cargo deban ser elixidos por unha maioría cualificada do Parlamento e non designados a dedo polo goberno”.
Aumentar o financiamento para potenciar a universidade pública
A reforma da lei estatal de universidades ten que ter como obxectivo principal promover e defender o futuro do modelo de universidade pública, garantir a súa autonomía e eliminar os enfoques privatizadores e centralistas.
Para a CIG-Ensino, máis importante que o modelo, o imprescindíbel é o incremento do financiamento, que está un 14,5% por baixo da media europea, o que supón unha insuficiencia financeira de 1.600 millóns de euros. O financiamento estrutural das universidades segue sendo un 10% inferior ao de 2009. En termos de financiamento total, público e privado, mantense no 1,3% do PIB fronte ao 1,5 do PIB da media da OCDE, o que representa un diferencial de recursos globais de 2.400 millóns de euros de 2016.
A análise da CIG-Ensino ao respecto da consulta do Ministerio tamén se estendeu a temas como os prezos públicos, a rendición de contas, o trato fiscal ás universidades privadas ou a imperiosa necesidade de eliminar a taxa de reposición.
Mellorar as condicións laborais e a carreira profesional do PDI e potenciar a investigación
Para a CIG-Ensino é preciso abordar unha figura de acceso á carreira académica na etapa pre e inmediatamente postdoutoral. No sistema universitario que temos realmente o acceso ás prazas de Profesor Axudante doutor estase producindo nunha etapa avanzada da carreira académica (persoas de máis de 40 anos).
A lei ten que prever unha figura de transición entre os contratos predoutorais (FPI/FPU e equivalentes autonómicos) e as figuras existentes actualmente para evitar a precarización dos contratos de substitución, falsos asociados, conferenciantes e outras que están sendo a práctica habitual na actualidade.
Bermello explica que “coincidimos coa visión do Ministerio sobre os obxectivos que se proclaman (reverter a precariedade, garantir unha carreira académica progresiva e predicíbel, asegurar a calidade do sistema universitario, mellorar os sistemas de avaliación, facilitar a internacionalización e a mobilidade) mais consideramos que deben vir acompañados de medidas concretas na carreira docente e investigadora, como a súa simplificación con tres niveis de progresión (Entrada-Consolidación-Promoción) e unha figura contractual para cada nivel (Axudante Doutor/a- Titular/CD – Catedrático/a)”.
Estabelecer a duración do contrato de Axudante Doutor/a de 6 anos como un máximo e non como un mínimo, podendo consolidar antes a praza, garantir a consolidación vía concurso do profesorado axudante doutor, funcionarizar o profesorado contratado doutor co único requisito xeral de 1 sexenio e 1 quinquenio ou camiñar cara o corpo único coa eliminación progresiva da duplicidade na carreira profesional (laboral e funcionarial) cun sistema de acreditación vinculado á propia experiencia investigadora (e/ou de transferencia) e docente, mediante sexenios e quinquenios, foron outras das propostas feitas polas CIG-Ensino, xunto con vellas demandas sindicais como a eliminación ou redución da precariedade, as melloras nas avaliacións docentes ou a atribución docente vinculada ao principio de especialización.
A redución da burocracia, tanto para a docencia como para a investigación, é fundamental, con simplificación de procedementos e cun cadro de persoal profesionalizado para funcións estruturais e regulares, loitando contra a precariedade nos contratos ligados a proxectos e contratos de investigación.
Finalmente a CIG-Ensino demandoulle ao Ministerio que o texto que finalmente se elabore sexa negociado na Mesa de Universidades antes da súa aprobación como proxecto de Lei polo goberno.