CIG-Ensino tilda de “totalmente insuficiente” a reacción de Educación ás mobilizacións

Denuncia a deficiente información no PROA+ e a falta de persoal nos centros
- 21 Out 2024

O que se publicitou, coa maquinaria de propaganda política e mediática a todo gas, como un curso excepcional, vai camiño de selo, mais por outros motivos ben diferentes aos que, como fume, vende a Consellaría, e por desgraza, tres sindicatos que parecen palmeiros de quen lles moven o fíos. A realidade de necesidade de maior persoal nos centros faise evidente no feito de que un total de 642 centros, dos que están condicionados polos requisitos, solicitaron o programa Proa+ quedando máis da metade, 344, sen ningún reforzo.

Así o denuncia CIG-Ensino, que afirma que “o curso 24/25 acada xa a marca absoluta de rectificacións nas prazas asignadas aos centros, logo dos recortes do verán e das denuncias feitas pola CIG-Ensino e as comunidades educativas dos centros afectados.

Do Plan MEGA á reacción política ás mobilizacións

Primeiro, a Consellaría emprega unha primeira fase do Plan MEGA con fondos europeos destinados á atención de alumnado con necesidades educativas especiais para tapar os descosidos provocados no verán en multitude de centros polos importantes recortes e incumprimentos de dotación de persoal. Tres millóns de euros procedentes do Fondo Social Europeo (FSE) que van para prazas ordinarias de PT e AL, de EP e EI ou mesmo de Inglés e Educación Física en CEIP.

En paralelo van caendo como pingas unha lista de prazas de “interinidades sen substituído” nunha proporción moi superior a cursos anteriores, tanto desde comezos de setembro como até ben entrado o mes de outubro (algo absolutamente novidoso) cunha última remesa este venres pasado, día 18, na que se pode constatar como responde a Consellaría a unha parte das denuncias e mobilizacións.

Todas as prazas ofertadas pertencen á relación feita pública pola CIG-Ensino e a aqueles centros nos que nestas últimas semanas se sucederon as mobilizacións de familias e profesorado. Con todo, desde o sindicato cualificamos como “totalmente insuficiente” a reacción da Consellaría, sen dúbida condicionada pola convocatoria dunha manifestación nacional en Compostela promovida pola Plataforma Galega en defensa do ensino público.

Sen entrar xa nos incumprimentos nos tímidos avances na cuestión das ratios, son moitos os centros de Infantil e Primaria que non se ven afectados polos novos postos autorizados pola Consellaría.

A situación é aínda peor en secundaria e FP, etapas nas que nin se produce ningún cambio nas ratios nin no horario do profesorado nin na atención á diversidade, afectada con carácter xeral pola redución de docentes polo recorte do “cupo” dos centros.

Por iso a CIG-Ensino anima á consellaría a seguir reaccionando ás mobilización, “mais de xeito completo, dando resposta a todas e cada una das demandas dos centros. Fica ben claro que a resposta social e sindical é o único camino fronte os recortes”.

PROA+: mala xestión, ocultación de información e novos parches para tapar os recortes

A adxudicación das prazas do Plan Proa+ volve ser un exemplo da forma de actuar da Consellaría de Educación. Como o total de programas dos que, con fachenda, presume a Consellaría, o PROA+ está financiado con fondos da UE a través do Ministerio. A adxudicación parte dunha convocatoria en concorrencia competitiva entre todos os centros educativos, cunhas condicións que nunca se negociaron na Mesa Sectorial e que inclúen algúns criterios e condicións claramente inxustas.

Na relación provisional de centros que contarán cun docente durante 8 meses, as prazas empréganse de novo para tapar desfeitas provocadas polos recortes e a negativa da Consellaría de dotar con máis profesorado os centros desde comezos de curso.

A CIG-Ensino denuncia que, a maiores do emprego deses fondos para aforrar a contratación de docentes con fondos propios da Xunta, cómpre destacar unha nefasta xestión que se concreta en:

  • na relación provisional os centros non saben que especialista se lle vai adxudicar nin se van contar co profesional a xornada completa ou a media xornada.
  • os centros, tanto os seleccionados como os non seleccionados, non saben que puntuación teñen, nin no total nin por apartados e teñen tres días para reclamar, mais que van reclamar se non saben nin a súa puntuación?
  • na convocatoria tense en conta o número de alumnado do centro educativo, pero neste número súmase o total de alumnado, incluído o alumnado de etapas non obrigatorias para os que non está destinado o programa.
  • Caso a parte merecen os centros excluídos, nas causas de exclusión figura por exemplo a obrigatoriedade da participación nas avaliacións de diagnóstico dunha determinada porcentaxe do alumnado. En primeiro lugar, a avaliación só afecta o alumando de 4º de EP e 2º da ESO: non se pode fixar un criterio que só afecta a unha parte do alumnado para unha medida da que se podería beneficiar todo o centro. En segundo lugar, pode haber familias que lexitimamente deciden que as súas fillas e fillos non fagan esta avaliación, decisión da que non se debe derivar a exclusión das axudas para o centro.

A CIG-Ensino xa trasladou na Mesa Sectorial do pasado día 15 a demanda de que, como se facía até este ano, figure a especialidade concedida e se é a xornada completa ou reducida e, a maiores, que se coñeza a puntuación outorgada nos diferentes apartados a cada centro porque se estamos a falar dunha convocatoria aberta debe haber máxima transparencia.

Fronte os parches, aumento de cadros de persoal

En cifras, os centros que terán unha docente a media xornada ou a xornada completa serán 298, menos do 30% do total de centros públicos. Hai que ter en conta que moitos centros (o 40%) xa non participan na solicitude do PROA+ porque saben que non cumpren cos mínimos que fixa a Xunta, malia precisar deses reforzos. Se nos limitamos aos centros solicitantes, son 344 os que quedarán sen reforzo PROA+ (máis da metade).

A CIG-Ensino reitera, por tanto, a súa oposición a estas modalidades de contratos programa con carácter finalista e temporal e aposta por políticas de continuidade nas que se incrementen os cadros de persoal dos centros.