CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino suman forzas de cara a convocatoria da folga de profesorado do 24 de outubro
CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino compareceron esta mañá, en rolda de prensa, para anunciar a convocatoria de fologa conxunta para o vindeiro día 24 de outubro. As tres organizacións, que suman o 59% da representación do profesorado, manifestaron o seu rexeitamento ao acordo polo que se renuncia á recuperación de dereitos e fixeron un chamamento ao profesorado a secundar a folga e a manifestación nacional que tera lugar nesa data en Compostela.
As tres organizacións sindicais afirmaron que non renuncian ao compromiso de defender a recuperación dos dereitos do profesorado que durante todos estes anos guiaron as súas reivindicacións e que os levaron a convocar mobilizacións e folga no ano 2019, daquela aínda coa apoio dos tres sindicatos (CCOO, ANPE e UGT) que claudicaron diante da Consellaría co pésimo acordo asinado o pasado 11 de outubro.
Nese sentido lamentaron, non só a división que provoca o acordo entre o profesorado, tanto no tema de horarios como nas ratios ou nas retribucións, senón tamén entre as propias organizacións sindicais, até hai menos de 15 días firmes na convicción de que no se podía ceder en cuestións tan fundamentais como os horarios lectivos ou as ratios. “Como xa definimos desde a CIG-Ensino, houbo que preferiu borrar as liñas vermellas para poñerlle unha alfombra vermella á Xunta para escenificar un acordo inasumíbel”, lembrou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.
Así, lembrou que tanto o compromiso electoral da CIG-Ensino, como o de todos os sindicatos con representación, aínda expresado novamente nas eleccións sindicais de decembro de 2022, era claro, nomeadamente no referido á recuperación dos horarios lectivos de 21 horas en infantil e primaria e de 18 no resto das ensinanzas. “Renunciar a ese mandato que nos deron as urnas a todos os sindicatos só se pode interpretar como unha renuncia que implica vender o profesorado”, aseverou.
A CIG-Ensino manifesta a súa satisfacción por se hoxe tres forzas sindicais con representación as que, sumando o 60% dos votos e o 59% das delegadas e delegados, “digamos que non tragamos cun acordo que renuncia a defender o compromiso de recuperar os nosos dereitos e a asumir unha melloras reais froito dunha negociación real, non condicionada por intereses electorais do señor Rueda e que dea cumprida resposta a estes catro puntos que os tres sindicatos, CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino, asumimos como compromisos irrenunciábeis”.
Entre estes, as organizacións sindicais subliñaron:
- Recuperación dos horarios de 18 a 21 horas nun máximo de 2 cursos
- Redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando en 2024-2025 e con aplicación, como máximo, no remate de cada etapa.
- Aplicación de medidas inmediatas (curso 2024-2025) para a redución da burocracia: aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e aumento de persoal administrativo.
- Reparto lineal da masa salarial comprometida pola consellaría entre todo o profesorado