CIG-Ensino solicita que non se cambien nin os contidos, nin o modelo de proba ABAU de Historia de España
A CIG-Ensino vén de remitir un escrito ao presidente da Comisión Interuniversitaria de Galiza (CIUG) para solicítalle ao Grupo de Traballo desta materia que manteña os contidos e o modelo de exame do ano pasado para non introducir incerteza e inseguridade tanto no profesorado como no alumnado de 2º de Bacharelato.
A CIUG vén de enviarlle ao profesorado de Xeografía e Historia unha circular informativa sobre a materia Historia de España, na que se amplían os contidos que serán avaliados nas vindeiras probas de acceso á universidade e se cambia o modelo de exame que se viña desenvolvendo até o de agora.
Despois das incertezas que se xeraron o curso pasado, tras a improvisada implantación da LOMCE e as dúbidas arredor das “reválidas” -que finalmente se conseguiron adiar grazas a unha enorme contestación social-, finalmente as probas ABAU, como se coñecen actualmente, celebráronse sen diferenzas significativas con respecto a anos anteriores.
Ante este novo horizonte, a CIG-Ensino quíxolle trasladar ao presidente da CIUG e á directora do Grupo de Traballo desta materia a preocupación xerada nos centros.
Por iso vén de dirixirlles un escrito no que solicita que non mude esta situación até saber o que vai acontecer a medio prazo con esta lei orgánica e co propio procedemento das probas.
Ademais, desde a central sindical considérase que os cambios que se pretenden introducir (nomeadamente a ampliación dos contidos ao século XVIII) tampouco se adecúan ao estabelecido na Orde ECD/1941/2016, de 22 de decembro, “polo que optar por unha vía de implantación paulatina do sistema implantado na LOMCE non obedece nestes momentos a ningunha necesidade legal e implica acomodarse a unha realidade que a maioría da comunidade educativa galega queremos mudar”, recolle o escrito asinado polo secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.
“Aínda sendo conscientes de que de momento non parece que vaia haber modificacións substanciais nin por parte do Goberno do Estado nin no Congreso dos Deputados, onde a lei segue enleada nun pseudo debate nunha Subcomisión que permite a súa prolongación, calquera novidade na realización das ABAU supón unha reorganización moi importante para os departamentos de Xeografía e Historia e unha incerteza para o alumnado de 2º de Bacharelato que neste momento non consideramos necesarias introducir”, engade o documento.
Así pois, “facéndonos eco das achegas de profesorado desta materia, entendemos que calquera decisión que se adopte ao respecto é complicada, dada a escasa seguridade normativa na que nos movemos, e que, polo tanto, a mellor opción é manter a situación actual á espera do que deparen os posíbeis cambios na LOMCE e nas normas que a desenvolvan.”
Outros cambios en Lingua e en Inglés
Polo que respecta a outras modificacións, de menor calado, que se recollen na prensa de cara ás ABAU do próximo ano nas materias de Lingua e de Inglés, a CIG-Ensino mantén que “non deberían alterarse no substancial as probas nin os contidos polos mesmos motivos expostos no caso de Historia. “Aínda que nestes casos semella que se trata de alteracións con menos repercusión, estas deben ser sempre consensuadas coa comunidade educativa e, na medida do posible, intentar que non alteren o currículo de 2º de Bacharelato unha vez comezado o curso e elaboradas as programacións didácticas” conclúen.