CIG-Ensino seguirá traballando pola integración de todo o PTFP tras a rectificación da Consellaría
A CIG-Ensino considera que a Xunta volve acertar cando rectifica, aínda que só en parte, nunha problemática que até o momento se negou a resolver desde a aprobación da Lei Orgánica de FP e sobre a que lle asegurou o propio conselleiro, Román Rodríguez, que se trata dunha “cuestión política e non económica”. A aprobación onte no Consello da Xunta, en contra do que votou o grupo parlamentario do PP hai uns días, do inicio dos trámites para habilitar un complemento salarial de 146,93 euros, que cobrarían a partir do 1 de setembro un total de 665 funcionarios e funcionarias de carreira do corpo de Profesorado Técnico de FP a extinguir, que non poden integrarse no corpo de Profesorado de Ensino Secundario, dá boa mostra disto.
Avance insuficiente
Con todo, a CIG-Ensino cualifícao como un “avance insuficiente” nas reivindicacións dos distintos grupos de persoas afectadas por unha modificación da normativa que denunciou con firmeza desde antes de aprobar a LOMLOE.
Lembra que nun primeiro momento, no trámite parlamentario da lei, a integración no corpo de PES só beneficiaba a persoas con Grao ou titulación equivalente, a efectos de acceso á función pública, o que deixaba fóra diplomaturas, enxeñarías e arquitectura técnica, e que se pechaban as portas a que persoal interino e substituto con titulación de técnico ou técnica superior puidera seguir opositando e incluso traballando como docente.
Xa por entón, a CIG-Ensino fixo asembleas nos centros e telemáticas e conseguiuse mediante a presión reverter estas dúas medidas pero coa aprobación da Lei Orgánica de FP consumouse a imposibilidade de que todo o profesorado técnico puidera pasar ao grupo A1. Como denunciou en todas as Mesas docentes estatais e nas reunións mantidas coa secretaria xeral de FP do MEFP, “equivocáronse de pleno ao regular a integración diferenciando entre quen ten nominalmente titulación universitaria e sen buscar unha alternativa que garantise os mesmos dereitos”.
Rectificación “a medias”
Malia o paso dado onte quedan aínda moitos aspectos por resolver. Tal e como se extrae da información subministrada pola propia Xunta, o complemento salarial só o recibiría o persoal funcionario de carreira.
Por iso a CIG-Ensino seguirá a promover a unidade do colectivo, como fixo durante todo este tempo no que recadou máis de 1375 sinaturas, mantendo o obxectivo de que non quede ninguén atrás como resultado do proceso de integración. Así, presentará, se for preciso, recurso xudicial contra a normativa na que a Xunta estabeleza este complemento para que o persoal interino e substituto teña as mesmas retribucións e non fique discriminado.
A este respecto agarda que a Consellaría volva rectificar e inclúa a todo o persoal temporal na equiparación salarial para evitar a súa xudicialización. Igualmente exixirá que poida seguir traballando o profesorado técnico con titulación de FP que está nas listas de interinidades das 19 especialidades que pasan a PES e que se lle facilite, como ao resto de compañeiros e compañeiras afectadas, a obtención dun Grao , que o sindicato entende que non se debe limitar, como fixa a lei, a antes de xaneiro do ano 2026. Precisamente esta demanda foi unha das principais reivindicacións que mantivo a CIG-Ensino desde comezos deste conflito.
Dous anos perdidos
A CIG-Ensino considera que a Consellaría leva perdidos dous anos nun aspecto que é da súa única competencia, ao negarse a conceder licencias por estudo a aquel profesorado que estivese en condicións de obter o título de Grao.
Nese sentido, adiante que seguirá exixíndolle “a un goberno e a outro, sexan da cor que sexan que, cada un dentro das súas competencias, poñan fin á discriminación do profesorado que imparte en FP”.
Lembra que na última mesa docente estatal insistiu en que tanto o profesorado que cumpría os requisitos para integrarse e se xubilou despois de xaneiro de 2021, como quen aprobou as oposicións ou empezou a traballar despois desa data deberían cobrar con efectos retroactivos, ao igual que quen está a piques de integrarse e era funcionario ou funcionaria de carreira no momento de entrar en vigor a LOMLOE.
Para a CIG-Ensino só hai dúas saídas a este problema e agora están en mans da Consellaría, que ten que aprobar o complemento compensador para todo o PTFP a extinguir, sexa fixo ou temporal, e pagarlle a todo o colectivo con efectos retroactivos desde xaneiro de 2021, nas mesmas condicións que o resto do persoal docente.
A quen e como deixa fóra a Consellaría de Educación?
|
Funcionariado de carreira |
Profesorado interino |
total |
Profesorado de especialidades que se integran en PES |
1003 |
374 |
1377 |
Profesorado de especialidades de PESSFP |
666 |
173 |
839 |
Profesorado noutras especialidades |
13 |
60 |
73 |
Total |
1682 |
607 |
2289 |
Tendo en conta o estudo realizado pola CIG-Ensino coincidindo coa campaña na que recolleu 1.375 sinaturas de apoio ás súas demandas, coa rectificación agora anunciada pola Xunta estaría no aire a situación retributiva dos seguintes colectivos:
- PTFP para extinguir: aínda que a Xunta fala de 665 funcionarias e funcionarias de carreira a extinguir (666 segundo o estudo da CIG-Ensino partindo de datos oficiais da Consellaría) a cifra non é tal, xa que unha parte dese funcionariado xa se pode integrar ao contar con titulación de grao. Polo tanto, o primeiro que debería facer o conselleiro é non faltar á verdade e dicir exactamente a cifra de profesorado para extinguir das 10 especialidades que pasarán a PESSFP. Están no seu poder desde hai semanas. Na información proporcionada pola Xunta só se indica que se pagará este complemento en setembro mais nada se di de facelo con carácter retroactivo desde xaneiro de 2021, o que para a CIG-Ensino é unha falta de respecto a este profesorado e está en contra das nosas demandas apoiadas amplamente polo colectivo afectado.
- Docentes interinos das 19 especialidades que pasan a PES:son 374 docentes interinos (sen contar con todo o profesorado substituto) e que, sen ningún xénero de dúbidas, pasarán a ter as retribucións de PES a partir do 1 de setembro. Neste caso non se recoñece de oficio o mesmo dereito que ao funcionariado de carreira a cobrar as retribucións do grupo A1 desde xaneiro de 2021, o que para a CIG-Ensino sería unha ilegalidade e que, de non mediar unha nova rectificación, rematará nos tribunais.
- Docentes interinos das 10 especialidades que pasan a PESSFP: este profesorado ten que ter as mesmas condicións que o funcionariado destas mesmas especialidades (666) e desde o mesmo momento. O contrario vulneraría a normativa europea de non discriminación entre traballadores temporais e fixos. A CIG-Ensino tamén demanda que exista carácter retroactivo.
- Profesorado noutras especialidades e situacións: a Consellaría non deu aínda resposta á demanda da CIG-Ensino de respectar as condicións retributivas e de continuidade en listas, no caso de quen é interino, daquel profesorado que se atopa impartindo docencia noutras especialidades diferentes das 29 afectadas, incluídas aquelas de profesorado especialista creadas pola propia Xunta. Tampouco aceptou en vía administrativa o noso recurso paras que o profesorado que aprobou as oposicións de PTFP no 2021 poida cobrar as retribucións como A1 desde que comezou a traballar, o que provoca que xa estea o recurso en vía xudicial.
A CIG-Ensino, como leva facendo desde hai máis de dous anos, pelexará en todas as vías que resten para conseguir o único obxectivo que se fixou desde o comezo: “os principios de que a igual traballo corresponde o mesmo salario e de que todo o profesorado de FP debe ser respectado non admite rectificacións parciais. Defendamos a igualdade do profesorado, de todo, sen exclusións nin divisións”.