CIG-Ensino recorre a norma que regula a creación da rede galega de dinamización da FP dual
“Sen previa negociación, sen marxe para que se difundira e debatese nos centros de traballo esta medida e coa aplicación dun sistema piramidal de mando que recolle o peor dos Centros Integrados de FP”. Así sacou á luz a Consellaría de Educación unha resolución para crear, con carácter experimental, unha “rede galega de dinamización da FP Dual”, denuncia a CIG-Ensino. A norma supón o nomeamento a dedo por parte da dirección, de até 48 docentes, un por cada centro educativo, que conformaría inicialmente esa rede.
A CIG-Ensino vén de presentar un recurso en vía administrativa contra este auténtico desprezo ao profesorado de FP e á representación sindical e, de se manter a dirección xeral de FP nese búnker refractario ás mínimas regras democráticas, chegaremos ás últimas instancias xudiciais até conseguir a anulación desta resolución.
A publicación da resolución é un perfecto exemplo da prepotencia e o máis mínimo respecto pola negociación colectiva e pola propia opinión do profesorado. Vexamos como actúa a dirección xeral de Educación, FP e “innovación” educativa:
- Publica unha resolución que implica tomas de decisións moi importantes nos centros que imparten FP e non o negocia previamente na Mesa Sectorial, a pesar de que a norma supón cambios de condicións de traballo do profesorado.
- A decisión do nomeamento recae en exclusiva na dirección, que non ten porque consultar co claustro. Un novo golpe á toma de decisións democrática.
- Non se deron a coñecer os centros que van nomear docentes liberados para buscar empresas que estean interesadas na FP dual. Tan só se apunta unha cifra máxima de 48 centros, entre os que estarían os 20 CIFP que existen na actualidade. Dos 28 restantes non se sabe nada a maiores de que, como é obvio, teñen que impartir ciclos de FP e que “se atopen en zonas xeográficas pouco representadas”. Un escurantismo absoluto e unha falta de consideración a todos os centros e equipas docentes.
- Non se regula legalmente a situación na que quedarán os docentes que sexan nomeados a dedo. Non se indica a duración deses nomeamentos nin o tipo de nomeamento se estes non recaen en profesorado definitivo do centro. Todo indica que de nomearse a un docente en expectativa ou unha profesora interina a idea da Consellaría é saltarse a adxudicación de destinos provisionais sen que medie unha convocatoria pública para esas prazas.
- Atado e ben atado: deuse un prazo de tan só 5 días hábiles e publicouse unicamente na páxina web da Consellaría (o venres 22 de marzo), mais xa se incluíu a obrigatoriedade de participar nunha formación que se desenvolvería nas primeiras semanas de abril.
- A celeridade e a falta de previsión coa que actúa a Consellaría ponse de manifesto en que os nomeamentos xa executados coinciden a finais de curso, alterando o normal funcionamento das actividades lectivas, prexudicando o alumnado que se ve privado do seu profesorado a dous meses das avaliacións finais e mesmo rompendo a dinámica dos nomeamentos de profesorado para determinados cargos que sempre se producen a comezos do curso escolar.
A FP Dual, outra vía de redución de profesorado e privatización do ensino público
A CIG-Ensino amosouse en contra da FP dual desde a súa posta marcha en Galiza, cun modelo pensado para países con realidades socioeconómicas que pouco teñen que ver coa nosa e que comezou con empresas que usaban o alumnado dos ciclos como man de obra barata e sen ningún tipo de control por parte da Administración.
Ao tempo, o sindicato xa alertou desde a implantación deste modelo de FP que a súa extensión suporía a perda de postos de traballo de docentes de FP ao pasar unha parte importante da súa carga lectiva a persoal das propias empresas. Esta nova carga de profundidade contra o ensino público da Consellaría de Educación é un claro exemplo de que o interese da administración galega pasa por privatizar aínda máis a educación pública, reducindo o profesorado que imparte docencia en ciclos e derivando unha parte importante da formación do alumnado ao ámbito privado das empresas.