CIG-Ensino reclama que o sistema selectivo docente sexa un concurso oposición real que cumpra a normativa
A CIG-Ensino ten detectado que en boa parte das especialidades, sobre todo dos corpos de Secundaria, nos últimos anos só aproban a fase de oposición o mesmo número de persoas ou un número lixeiramente superior ás prazas ofertadas. Deste xeito, a fase de concurso só serve para ordenar por nota as persoas previamente aprobadas.
Coincidindo con que nas próximas datas se vai celebrar o sorteo dos membros dos tribunais encargados de xulgar o procedemento selectivo mediante o que se convocan 2.050 prazas docentes este ano -agás da presidencia dos mesmos que, segundo denuncia a federación a Consellaría seguirá nomeando a dedo-, a CIG-Ensino insta á administración a que vele porque se cumpra a normativa da convocatoria e este sexa un concurso-oposición real.
A CIG-Ensino matiza que respecta a imparcialidade e a potestade que teñen os tribunais, aínda que sinala que “está claro que a tendencia dos últimos anos, sobre todo nas especialidades do corpo de Secundaria, amosa que practicamente chegan á fase do baremo de méritos as mesmas persoas que prazas ten que outorgar cada tribunal”. Cuestión que entende que “non só desvirtúa o espírito do proceso selectivo, senón a propia orde que regula a convocatoria ao acabar sendo exclusivamente unha oposición”.
Estudo do sindicato
Segundo un estudo realizado polo sindicato, en 2017 no corpo de Mestres pasaron á fase de concurso 830 persoas, para un total de 400 prazas. É dicir algo máis do dobre.
Porén, nos corpos de Secundaria practicamente foi igual o número de prazas adxudicadas que o de persoas aprobadas.
Como se pode ver na táboa anexa, nas oposicións do ano pasado tan só houbo 39 persoas que aprobaron sen obter praza. En todo o conxunto de especialidades, nas quendas de acceso libre e de persoas con discapacidade, chegaron á fase de concurso un total de 523 opositores/as para un total de 484 prazas finalmente adxudicadas. É dicir tan só un 8% das persoas que se presentaron á oposición accederon á fase de concurso.
Nas especialidades do corpo de mestres, malia que cuantitativamente foron máis, en termos porcentuais tamén é unha cantidade moi baixa, con só o 13% dos aspirantes totais que se presentaron ás probas.
Así pois, estas cifras demostran o que desde a CIG-Ensino se vén reclamando reiteradamente: que os tribunais teñen que traballar con todas as garantías e a liberdade posíbel para avaliar os e as aspirantes sen ningún tipo de presión temporal. Para iso incide en que sexa unha comisión técnica a que realice a baremación dos méritos e en que se nomeen máis tribunais por especialidade co obxectivo de que se reverta esta tendencia que é propia dos últimos anos.
A CIG-Ensino entende que, deste xeito os tribunais contarían cunha menor presión temporal e poderían centrarse na fase de oposición e cun menor número de persoas aspirantes.
Neste sentido lembra que durante o sistema transitorio, no que ningunha proba era eliminatoria, todos os opositores e opositoras chegaban á fase de concurso (aínda que para aprobar había que acadar un 5 en total en todas as probas da oposición), polo que entende que non se está pedindo algo que sexa novidoso nin extraordinario.
Acceso diferenciado
A CIG-Ensino insiste na súa proposta de implantar unha dobre vía de acceso á función pública docente convocando, por unha banda, as vacantes que nestes momentos están ocupadas por persoal interino e, pola outra, as xubilacións que se producen cada curso.
A maiores, habería que sumar as 3.000 prazas que se perderon nos últimos oito anos debido á conxelación da taxa de reposición e á amortización de xubilacións. Sumando toda esta cantidade de postos de traballo dá unha cifra suficientemente relevante para permitir que existan todos os anos convocatorias de concurso-oposición razoábeis e á vez manter unha bolsa estábel de persoal interino nas distintas especialidades.
En calquera caso, a posibilidade de recuperar as prazas perdidas nestes momentos non existe porque o Acordo de Mantemento do Emprego asinado pola Xunta e polas organizacións sindicais CC.OO, UGT, CSIF e ANPE, tal e como se pode comprobar no seu texto literal, impide o aumento de persoal.
Acordo de estabilidade
Dada a situación de incerteza actual, coa convocatoria na Oferta Pública de Emprego para 2018 de case todas as prazas que nestes momentos ocupa o colectivo de interinos e interinas das especialidades convocadas, e a ausencia real dun concurso-oposición, de cara ao vindeiro curso académico, a CIG-Ensino advirte de que “pode darse a situación de que este persoal pase a realizar substitucións ou directamente ao desemprego. Isto afectaría fundamentalmente a profesorado de avanzada idade e con bastantes anos de servizo no ensino público”.
Para a CIG-Ensino só se pode evitar esta situación se se actúa con valentía por parte da Consellaría de Educación e dos sindicatos que apoian estes procesos. Para iso propón que o acordo de persoal interino e substituto se converta nun acordo de estabilidade, no que se garanta o rescate daquelas persoas que poidan perder o seu posto de traballo.
O sindicato xa lle trasladou a disposición a negociar este acordo á administración en varias ocasións, como na Mesa Sectorial na que se tratou a orde da convocatoria de oposicións, e volverá poñela enriba da mesa nas seguintes reunións que manteña cos seus responsábeis.