CIG-Ensino reclama a apertura inmediata de negociacións para recuperar o horario lectivo previo aos recortes
Membros do Secretariado federal da CIG-Ensino entregaron este venres, no rexistro da Xunta de Galiza, un escrito dirixido ao titular de Educación, Román Rodríguez, instándoo a abrir negociacións, con carácter inmediato, para que o vindeiro curso escolar se poidan reverter os recortes perpetrados polos gobernos do PP, o de Feijóo no ano 2011 e o de Rajoy en 2012, co incremento do horario lectivo docente a 20 sesións en secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial e a 25 en infantil, primaria e educación especial.
Nestes momentos os gobernos presididos por Rueda e Ayuso son os únicos que non rebaixaron o horario lectivo do profesorado, recuperando o que tiñan previamente. Así pois, e tal e como leva denunciado durante máis dunha década a CIG-Ensino, o profesorado galego pasou de ser o que tiña unhas mellores condicións laborais, facilitando a coordinación pedagóxica e podendo dedicar máis tempo á preparación das clases, a ocupar o furgón de cola de todo o Estado e vivir afogado entre trámites e procedementos administrativos que o afastan da súa verdadeira función docente, cunhas ratios de alumnado por aula e por docente disparadas, especialmente en ámbitos urbanos.
Despois de insistir nesta demanda en todas as Mesas Sectoriais, así como na entrevista mantida co conselleiro de Educación despois das eleccións sindicais celebradas en decembro, nas que a CIG-Ensino revalidou a súa ampla maioría sindical, a Consellaría anunciou o pasado 23 de maio, en resposta a unha cuestión formulada polo sindicato na Mesa Sectorial, que o vindeiro curso ten pensado formular “propostas de mellora para o persoal docente, entre as que estaría incluída a cuestión do horario lectivo”.
Para o sindicato, estas palabras chegan tarde, non só polo tempo de retraso que levamos acumulado desde que o Estado levantou o veto a recuperar estes dereitos (o Real Decreto que anulou a imposición obrigatoria das 25 e 20 sesións nas distintas etapas educativas está en vigor desde abril de 2019), senón porque isto significa que o vindeiro curso comezaría e desenvolveríase coas mesmas condicións que se teñen actualmente.
Unha situación insostíbel, dada a enorme complexidade que se vive nestes momentos nas aulas galegas sobre todo pola diversidade e polo alto número de alumnado con necesidades especiais, agudizada despois da pandemia, e a enorme carga burocrática e extraacadémica que soporta o persoal docente e que se ten denunciado tamén en reiteradas ocasións.
Esta demanda, como lembra a CIG-Ensino no documento remitido ao conselleiro, conta con unanimidade sindical e o apoio de toda a comunidade educativa porque claramente redundaría nun incremento da calidade na atención educativa porque un profesorado que reduza a enorme carga de traballo actual, o número de alumnos a alumnas e grupos diferentes aos que imparte docencia, que conte con máis tempo para organizar o seu traballo docente e en grupo, redunda nunha mellora do calidade educativa.
O sindicato, sen descoidar as melloras que leva tempo demandando (mellora da atención á diversidade, redución da burocracia, rebaixa das ratios, entre outras) insiste no escrito que o ensino galego “non pode esperar máis” para recuperar os seus dereitos nos horarios lectivos, polo que as negociacións deben comezar canto antes para poder aplicar a redución do horario lectivo para o vindeiro curso académico porque, do contrario, continuarase maltratando un dos servizos públicos fundamentais da nosa sociedade e que mantén o seu nivel de calidade grazas á implicación do profesorado.