CIG-Ensino cualifica de “Plan Mega Trola” os anuncios da Consellaría e esixe que se atendan as demandas do sector
Comeza un curso escolar tinguido polos anuncios grandilocuentes da Consellaría de Educación e do propio presidente Rueda pero sen ningún avance destacado a respecto do que é a política educativa do PP na Xunta desde o ano 2009. Esta é a análise que fai o sindicato maioritario no ensino público galego, a CIG-Ensino que, coincidindo no tempo coa tradicional foto do conselleiro e o presidente autonómico na inauguración do curso, concentrouse este mércores no complexo de San Caetano para lembrar que “todo, ou practicamente todo, o que sae da boca dos dirixentes de Educación é mentira”.
“Para empezar se hai un motivo polo que pode haber certo incremento de profesorado a nivel global, tendo en conta que a cifra real non é a dada polo conselleiro no Parlamento senón a do capítulo de persoal dos orzamentos da Xunta, é grazas ao incremento enorme que experimentou o profesorado de FP na última década e sobre todo nos últimos 4 ou 5 anos", aseverou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.
Advertiu que no corpo de mestres e mestras hai cada ano menos efectivos nos cadros de persoal que se camuflan con contratos en precario de programas e plans como o rebautizado como Mega que, ironizou Bermello, “se demostrou que é unha Mega Trola. Non é certo que se contraten 400 novos efectivos como se anunciou inicialmente nin tan sequera os 200 que se afirmou que estarían nos centros a 11 de setembro, como tampouco o é que este curso haxa un incremento de 1.256 novos docentes ao ensino público".
Neste último caso, matizou, simplemente se trata do produto das xubilacións e a entrada no seu lugar de novo funcionariado en prácticas que aprobou as oposicións e, no primeiro, as propias notas de prensa da Consellaría xogan á confusión con nomes como Plan Promociona, Proa+, reforzo matemático e lector e inclusión de alumnado inmigrante.
Análise das vacantes
Así, Bermello salientou que nunha primeira análise das vacantes colgadas dentro do famoso Plan Mega, todas elas do corpo de mestres, as conclusións son as seguintes:
- Ofertáronse un total de 163 prazas, das cales 121 (o 74%) son a xornada completa e 42 a media xornada, é dicir, o 26% restante. As características destas prazas son: contratos cunha duración de 10 meses e 20 días e cese a 30 de xuño.
- O número de vacantes equivale a 139 contratos a curso completo, é dicir, redúcese nun 31% o custe que terían os 200 docentes anunciados.
- Na maior parte dos casos, despois de contrastalo directamente, son prazas que xa foran solicitades en xuño e que non lles adxudicaron como interinidades aos centros. Cómpre lembrar que este curso houbo un total de 80 profesionais de atención á diversidade (Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe) menos con destino provisional que o pasado curso e que outras 30 prazas de atención preferente (aquelas que requiren dun especialista de forma continua cun alumno ou alumna) quedaron sen atender, polo que practicamente estamos ante as cifras solicitadas polos centros e que non se lle adxudicaron desde comezos de curso.
- Destaca especialmente que hai moitos centros que non reciben o perfil que solicitaron e tamén o importante número que non ven cubertas as súas necesidades, ou ben porque non reciben ningún destes reforzos ou ben porque son claramente insuficientes.
- Nalgún caso o anuncio de que se ía contar con estas prazas procedeu de alcaldes do PP durante o verán, o cal supera xa todos os límites de até onde chega o partidismo na política educativa desta Consellaría.
Campaña contra a manipulación propagandística
A CIG-Ensino levará a cabo nos próximos meses unha campaña informativa nos centros, que son claramente coñecedores da súa realidade "pero moitas veces descoñecen a do resto", para poñer en evidencia todas as reivindicacións que quedan pendentes de atender por parte da Xunta e que deberán acometerse nesta lexislatura "se non se quere forzar máis un profesorado exhausto e afogado pola burocracia".
Desde a CIG-Ensino púxose novamente o foco na baixada de ratios na etapa de primaria que non se completará até dentro de 9 anos, cando é obvio que a caída da natalidade vai supor tal devalo que non vai ser preciso ningunha medida por parte do goberno. Pola contra, na ESO, BACH e FP, nomeadamente a FP básica, non hai medidas contempladas para antes de 3 anos vista ou neste último caso nin sequera ningún compromiso.
“Sobre a recuperación do horario lectivo das 21 horas en Primaria e das 18 en Secundaria tampouco houbo avances significativos", valorou Bermello, para quen a baixada a 23 no corpo de mestras "é claramente insuficiente e tíñase que ver compensada cun incremento importante dos efectivos para que non se resinta a calidade da atención educativa".
O sindicato tampouco agarda nada "dos famosos grupos de traballo que levan un ano deseñando un plan para reducir a burocracia" ou das medidas retributivas que son un clamor, como a recuperación do cobro dos meses de verán para quen traballe cando menos 5 meses e medio durante o curso. O feito de que se incremente dun xeito moi importante os contratos con remate a 30 de xuño fai máis regresiva aínda a política de persoal da Consellaría.
Por outro lado, CIG-Ensino alerta que hai xa nestes intres dificultades para atopar persoal para substitucións en determinadas especialidades e esta medida, "que Feijóo eliminou no ano 2012, sería un incentivo máis para atraer profesionais á docencia”, lembrou Bermello quen insistiu en que “o único que se incrementou notabelmente foi a propaganda e o gabinete de comunicación do conselleiro” polo que é necesario un esforzo especial para contrarrestar tanta manipulación e desinformación interesada, ademais de animar a profesorado e centros a facer valer as súas demandas.