CIG-Ensino pide explicacións á Consellaría sobre a ampliación da rede de Centros Integrados de FP
Malia existir un plan deseñado desde hai tempo para transformar actuais IES en CIFP, coa conseguinte eliminación da oferta de ESO e Bacharelato, a Consellaría non ofrece información nin aos centros nin á comunidade educativa. Diante disto a CIG-Ensino vén de lle demandar explicacións sobre a ampliación prevista da rede de Centros Integrados de FP.
En agosto de 2020 o grupo parlamentar do PP presentou no Parlamento galego unha proposta na que se instaba á Xunta a ampliar a rede de Centros Integrados de FP. A proposición aprobouse no Parlamento en decembro de 2020. A CIG-Ensino ten coñecemento de que a Inspección educativa está a facer unha revisión da oferta educativa de determinados IES que imparten ESO, Bacharelato e FP, de cara a estudar posíbeis cambios para o curso 2020/21, transformándoos en CIFP e reducindo a oferta de secundaria.
Existe a día de hoxe a posibilidade de que IES de todas as grandes áreas urbanas e dalgunhas vilas vaian ser transformados en Centros Integrados de FP. Na inmensa maioría dos casos estes cambios terían lugar en centros nos que actualmente se imparte ESO e Bacharelato.
Información a centros afectados
A CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito ao Secretario Xeral de Educación e FP instándoo a que proporcione toda a información precisa aos centros afectados, ás organizacións sindicais e ao conxunto das familias que se verán afectadas por estes cambios da Consellaría. Ao tempo reclama que os cambios non impliquen unha redución da oferta nas áreas nas que se prevén facer os cambios.
A creación no pasado de determinados CIFP nalgunhas cidades supuxo que moito alumnado se tivese que desprazar fóra do seu barrio para cursar estudos da ESO, limitando a oferta nos centros públicos e mesmo favorecendo a centros concertados. O necesario incremento da oferta de FP non pode facerse a costa do resto das etapas educativas.
Profesorado e alumnado afectado pola transformación de centros
A falta de transparencia e información foi unha constante noutras transformación de IES en CIFP, con efectos importantes tanto no profesorado como no alumnado. Neste momento, e no que respecta ao futuro do alumnado que se poida ver afectado pola obriga de cambiar de centros hai que ter en conta os prazos de matrícula (o 8 de febreiro de 2021 para a reserva nos centros adscritos, e do 1 ao 20 de marzo para o cambio voluntario de centro). Por outro lado, e no que afecta ao profesorado, agárdase tamén para mediados de marzo a adxudicación provisional do concurso xeral de traslados.
Todos estes trámites poden verse afectados pola decisión da Consellaría de eliminar as ensinanzas de secundaria en determinados centros, o que podería levar no caso do profesorado a unha modificación importante das vacantes a adxudicar no concurso ou mesmo a supresión ou desprazamento de moito profesorado se as prazas se adxudican definitivamente antes da decisión de crear os CIFP.
Negociación do plan
Por iso a CIG-Ensino urxe que se coñeza o plan deseñado pola Consellaría canto antes, se negocie e acorde coa representación do profesorado, coas familias e alumnado afectado así como as administracións locais afectadas. O futuro dunha rede educativa, da etapa educativa que sexa, tamén da FP, non debe ser froito dunha decisión unilateral da Xunta senón dos sectores afectados por esas medidas.